FORMADA POR 15 REPRODUCIÓNS, PERMANECERÁ ABERTA AO PÚBLICO ATA O MES DE SETEMBRO
Xosé Lois Penas: "A exposición de maquetas sobre o patrimonio galego é unha forma lúdica e atractiva de dar a coñecer o noso patrimonio, e máis neste marco das Torres do Allo”
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o e alcalde de Zas, Manuel Muíño, realizaron esta mañá unha visita á exposición de maquetas sobre o patrimonio galego que está instalada desde o pasado mes de abril nas Torres do Allo. Esta mostra, que reúne 15 maquetas que reproducen edificios históricos moi representativos do país, permanecerá aberta ao público ata o mes de setembro. Ata mediados de xuño pode verse durante as fins de semana e, durante o verán, abrirá tamén de luns a domingo.
“Pensamos que esta mostra é unha forma lúdica e atractiva de dar a coñecer o noso patrimonio, e máis aínda nun marco tan acaído como son as Torres do Allo”, asegurou Penas. O deputado puxo en valor "a oportunidade que ofrece como percorrido por diferentes enclaves emblemáticos do noso territorio, mais tamén da nosa historia, nomeadamente do período medieval”.
“Eestou seguro", dixo o alcalde de Zas, "que esta iniciativa vai sorprender a todos os visitantes que se acheguen durante estes meses ás Torres do Allo”. "Ademais", engadiu, “aínda que todas as reproducións son de monumentos moi coñecidos, a min gustaríame sinalar que inclúe dous moi representativos do Camiño, a Catedral de Santiago e o faro de Fisterra”.
Na visita tamén participaron o concelleiro de Cultura de Zas, José Manuel Brenlla, e representantes da Asociación Exin Castillos, Fran Guerra e Xurxo Barcala, entidade promotora da iniciativa. Os monumentos da provincia da Coruña que aparecen representados na mostra son o Faro de Fisterra, a Catedral de Santiago, o monumento aos Mártires de Carral, a Torre de Hércules, o Pazo de Meirás, a igrexa de Santa María de Cambre, o Torreón dos Andrade e as Torres do Allo. No verán incorporarase o Castelo de Moeche –que está depositado permanentemente no propio castelo–. Tras a visita, o deputado de Patrimonio e a Asociación Exín Castillos falaron da posibilidade de incorporar á colección maquetas do Castelo de Vimianzo e do Mosteiro de Caaveiro.