Xosé Lois Penas e María Muíño defenden ‘A Luz da ciencia’ como ferramenta para acabar coas fendas de xénero nas disciplinas científicas

Penas e Muíño, durante a súa intervención na inauguración das xornadas
Penas e Muíño, durante a súa intervención na inauguración das xornadas

“Estas xornadas deben crear vínculos entre a sociedade científica e tamén poñer luz no eido das dificultades que atopan as mulleres á hora de formarse, de incorporarse ao mercado laboral e de desenvolver unha carreira profesional de dedicación e investigación no eido da ciencia”, salientou o deputado provincial de Patrimonio. A responsable de Igualdade, María Muíño, apostou pola transversalidade para romper as barreiras da discriminación por sexo: “Entendemos que o traballo pola igualdade de xénero, para ser expansivo, para acadar unha transformación real, ten que chegar a todas as áreas e a todas as accións de goberno”.

Xosé Lois Penas e María Muíño defenden ‘A Luz da ciencia’ como ferramenta para acabar coas fendas de xénero nas disciplinas científicas

O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e a  deputada provincial de Igualdade, María Muíño, inauguraron esta tarde no Pazo de Mariñán as IV Xornadas ‘A luz da ciencia’, unha iniciativa dos departamentos que dirixen na Deputación da Coruña e que nesta cuarta edición presenta un programa, desde hoxe ata o sábado, que pon o foco na perspectiva de xénero e ciencia nas aulas, na realidade laboral e teito de cristal e no enfoque na comunicación científica.

“Estas xornadas teñen un dobre motivo; por unha parte, crear vínculos entre a sociedade científica en xeral e, por outra, poñer luz no eido das dificultades que se atopan as mulleres á hora de formarse, incorporarse a un mercado laboral e, o que aínda é peor, poder desenvolver unha carreira profesional de dedicación e investigación no campo da ciencia”, explicou Penas. “Para iso”, engadiu, “isto ten que ser un foro de debate,  un lugar de encontro de diferentes visións sobre o paraugas da ciencia, mais sobre todo ten que ser un espazo onde algunhas das nosas mellores científicas nos expliquen as súas experiencias, vivencias, e proxectos en diferentes ámbitos científicos”.

Penas  salientou o “privilexio da contar estes días no Pazo de Mariñán e no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología da Coruña (Muncyt) cunha parte importante de investigadoras, comunicadoras, docentes e técnicas que van facer que máis que nunca poñamos algo de luz sobre a ciencia”.

O deputado defendeu que as administracións deben ter “un deber divulgativo, ao mesmo tempo que lexislativo na medida das nosas competencias en materia de igualdade”. Neste sentido, eloxiou a labor desempeñada polos seus compañeiros do BNG na Deputación: “Na Deputación témolo claro, porque así o demostramos día a día a través da área de Igualdade xestionada por María Muíño, pero entendemos que non abonda con que só se fale de igualdade nesa área, porque estamos seguros de que todas e cada unha das áreas deben ter en conta esa perspectiva. E non falamos soamente de resolver as incoherencias a través de cotas, falamos de facelo a través da pedagoxía e da transversalidade e dun cambio de paradigma físico e mental de todos os que temos a obrigar de resolver situacións de inxustiza”.

A responsable de Igualdade, María Muíño, apostou pola transversalidade para romper as barreiras da discriminación por sexo: “Entendemos que o traballo pola igualdade de xénero, para ser expansivo, para acadar unha transformación real, ten que chegar a todas as áreas e a todas as accións de goberno”. “Ademais da falta de invisibilidade”, sinalou, “existen outras moitas barreiras que é necesario derrubar e que cómpre analizar, e con esta idea nos xuntamos nestas xornadas, que nos ofrecen a oportunidade de analizar os cambios lexislativos que deben contribuír a minimizar desigualdades e a acadar o avance das mulleres na carreira científica”.

Relatorio

Mireia Colom e Susaina Figuera (da Fundació catalana per a la recerca i la innovació) levaron hoxe ao programa o relatorio "Didáctica das ciencias experimentais", no que se abordaron temas como a análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas, a educación CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), o tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas, a reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visibilización das mulleres na ciencia e a procura de referentes. Tamén interviron, vía streaming, Patricia Canut, Gemma Serra, Mari Luz Guenaga e Maria José Lodeiros.

As xornadas continuarán mañá no Pazo da Mariñán (18 horas) coas palestra "Ciencia, investigación e xénero", a cargo de María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García e Zulema Varela Río, todas da da Rede galega de investigadoras. Rematarán o sábado no Muncyt (11.30 horas) co relatorio "Divulgación, comunicación científica e xénero", a cargo de Maite Vence, de OBSERVER; Isa Loureiro, ilustradora, e Paula Otero Sánchez, divulgadora e científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade.

Xosé Lois Penas e María Muíño defenden ‘A Luz da ciencia’ como ferramenta para acabar coas fendas de xénero nas disciplinas científicas