Tres xornadas analizarán a situación da cultura e o seu poder transformador
Máis de cen persoas do ámbito da cultura participan nas tres xornadas coas que bota a andar o programa “A Cultura é un Dereito”
“A cultura debe ser un alimento, algo necesario e imprescindible, participación, traballo diario cun mundo diverso e heteroxéneo e con máis liberdade”, dixo Goretti Sanmartín na presentación este xoves do programa A Cultura é un Dereito. Tres xornadas de traballo e debate arrancarán un programa coa que a Deputación da Coruña quede destacar o carácter transformador da cultura e que inicia a súa andaina o vindeiro 25 de abril no Pazo de Mariñán co programa “Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias”, coordinado desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
Arredor da primeira das xornadas, o presidente da AGPXC, Alberto García, sinalou que "queremos recoñecer todo o moito e bo que fai este país tanto de cultura cidadá como pública”.
A xornalista cultural, Arantxa Estévez fixo fincapé en que a xornada “Mulleres e Música”, que coordina canda a produtora Rosa Salgado, afondará no “diverso papel que as mulleres desenvolven no mundo da música co obxectivo de dar visibilidade as diversas funcións como produtoras, distribuidoras ou artistas e tamén mostrar o seu traballo con tres concertos nunha xornada que conta cun programa moi diverso, formato de formatos”.
Finalmente, a directora Cristina Domínguez anunciou que a xornada dedicada á escena galega (“A escena galega no palco do Colón”) se converterá nun “espazo de reflexión e encontro para profesionais da escena e para falar de nós como creadores e creadoras buscando a interdisciplinaridade e incorporando distintas xeracións que ás veces non nos vemos as caras”.