O traxe tradicional este sábado no Colón
A mostra Sete varas, un refaixo trae 55 xoias da vestimenta galega nunha a pasarela de traxe tradicional organizada pola Asociación Sete Espadelas.
A mostra Sete varas, un refaixo presenta pasado mañá sábado día 21 ás 20.30 horas no Teatro Colón da Coruña un total de 55 traxes, antigos e reproducións fidedignas, nunha pasarela organizada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas que forma parte do programa cultural da Deputación da Coruña.
Poderase gozar dunha colección desta magnitude e nun marco incomparable, onde se amosarán traxes de garda ou cerimonia de Betanzos, Malpica, Leiro ou Santiago. Tamén traxes domingueiros de Carballedo, Abadín ou Vilasantar, e traxes de de cotío de Pontedeume, a Limia ou A Pastoriza. Para a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura, a mostra supón "unha oportunidade única para nos achegar a un patrimonio de inmensa riqueza como é a vestimenta tradicional galega da man dunha asociación que desenvolven un papel valiosísimo para recuperar, conservar e difundir a rica variedade de traxes que veñen da nosa tradición".
Con esta escolma de traxes de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX e de distintas comarcas galegas, buscan poñer en valor a nosa indumentaria e reivindicar o seu papel como patrimonio inmaterial, herdado dos devanceiros e vencellado á nosa cultura e identidade.
A riqueza do traxe tradicional galego
O traxe tradicional galego tivo o seu momento de esplendor no século XVIII e primeira metade do XIX, chegando o seu uso ata os primeiros anos do século XX, mais xa mesturado coas novas modas estranxeiras, que acabarían imperando sobre o autóctono.
Temos a sorte de ter unha indumentaria tradicional riquísima en canto ó número de pezas, ós diferentes xeitos de as usar e as nomear segundo as comarcas, e ós diferentes tecidos usados na súa confección. Da mesma maneira incorporamos á nosa vestimenta prendas moi arcaicas coma cofias ou toucas, vasquiñas e monteiras, xunto con prendas xa moito máis recentes coma os panos de seda de Manila ou os panos de percal.
Poderíamos establecer basicamente tres categorías dentro do traxe, moito máis definidas nos traxes femininos que nos de home, se ben na indumentaria tradicional non hai branco ou negro, senón unha ampla gama de grises, dependendo do poder económico de cada familia e de cada momento. Así poderíamos falar de traxes de garda ou cerimonia, domingueiros ou de ir á vila e traxes de decotío ou faena.
Os traxes de garda eran os usados nos acontecementos máis importantes da vida, que na maioría das veces era unicamente no casamento, de aí o seu nome "de garda" porque logo ían ás arcas, onde se gardaba en pasaban de nais a fillas. Os domingueiros eran os traxes empregados para ir á misa os domingos, ás festas, ó día do patrón. Era o mellor traxe que podían ter, sen contar o da súa voda. En función dos posibles de cada casa podían ser máis ou menos ricos ou adornados. Os de faena eran os usados a diario, nas labores cotiás do campo, da casa ou co gando. Estaban feitos dos tecidos máis ruíns e tamén das prendas que se ían estragando dos traxes anteriores.