O CONSELLO DE DIRECCIÓN E O CONSELLO ASESOR REUNÍRONSE NO CONCELLO DE TEO PARA ANALIZAR O PROXECTO DE REDACCIÓN DO PLAN DIRECTOR E APROBAR DISTINTAS ACTUACIÓNS NO TERRITORIO
Os traballos do Plan Director de Compostela Rupestre avanzan a existencia de 150 sitios arqueolóxicos no territorio
Por vez primeira o Consello Director e o Consello Asesor do proxecto Compostela Rupestre realizaron unha reunión co obxectivo de avanzar no proxecto de redacción do Plano Director do parque. A adxudicataria do proxecto, a empresa Trivium, avanza a existencia de 150 sitios arqueolóxicos no territorio, uns cincuenta aínda sen catalogar.
Nunha xuntanza que se desenvolveu no Concello de Teo, que este ano ten a presidencia de Compostela Rupestre, representantes dos concellos implicados e a Deputación da Coruña que forman parte do Consello Director, membros do Consello Asesor, e membros da empresa Trivium, gañadora do concurso para a elaboración do plan, puxeron en común os eixes fundamentais do proxecto de traballo para a elaboración do documento e aprobaron distintas accións para a súa consolidación. Por parte da Deputación da Coruña participaron na xuntanza o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, ademais de persoal técnico das áreas de Turismo e Patrimonio.
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, destacou a relevancia da xuntanza xa que "reúne representantes dos gobernos municipais, persoal técnico e especialistas, tres eixes imprescindíbeis para avanzar neste proxecto que é de grande importancia cultural, turística e económica para o territorio".
Con respecto á elaboración do plan director sinala que suporá "unha folla de ruta necesaria para protexer, poñer en valor e difundir un patrimonio único que suporá un recurso de especial interese para os concellos da área de Compostela". Xosé Luís Penas defendeu tamén a necesidade de integrar este patrimonios en plans de dinamización e promoción turística e económica, de maneira especial, "neste tempo en que a pandemia provocou unha grande crise no sector é necesario activar todas as posibilidades para apostar pola recuperación nunha comarca especialmente afectada".
O director xeral e o director científico do proxecto da empresa Trivium -adxudicataria do concurso-, César Abella e Manuel Santos, transmitiron ao Consello Director e o Consello Asesor os primeiros pasos do traballo na elaboración do Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre para o que terán seis meses de prazo, tres para completar o catálogo e tres para deseñar actuacións e plan de xestión. Neste sentido, avanzaron que ao final do proxecto, o catálogo do parque incluirá arredor de 150 sitios arqueolóxicos, uns cincuenta sen catalogar até o momento.
Neste momento a empresa está a desenvolver o proceso de recompilación de documentación sobre a riqueza da arte rupestre do territorio e, paralelamente, está a deseñar unha nova ferramenta de información que permitirá acceder a datos non só de estado e localización senón tamén imaxes e outro material gráfico, cartografía, puntos de interese da contorna ou distancia entre recursos de interese. Trátase dun amplo volume de información que se articulará en distintos niveis segundo o interese e situación dos sitios arqueolóxicos.
O traballo de campo, que se iniciará previsibelmente a semana próxima, acometerá a recompilación de información como a delimitación perimetral de cada unha das entidades, propiedades ás que afecta, situación dos accesos e outros elementos próximos ademais da análise da situación ambiental do territorio.
Patrimonio e paisaxe
Desde o Consello Director e o Consello Asesor coincidiron á hora de destacar que a conservación da paisaxe é inseparábel á intervención patrimonial nun proxecto que quere contar coa participación das entidades culturais que actúan no territorio.
O plan diferenciará distintos niveis dos sitios arqueolóxicos, en primeiro lugar o grupo en que se intervirá, se porán en valor os recursos e se integrarán nos itinerarios; os que se protexerán e intervirán pero que, por distintas razóns, non formarán parte das visitas deseñadas e os que sós se catalogarán e estudarán.
Os eixes fundamentais para a elaboración do Plan Director do Parque parten de considerar a paisaxe coma un dos elementos fundamentais de análise e fío condutor entre a arte rupestre e outros recursos patrimoniais do territorio. Buscará fomentar a participación da cidadanía no proceso de elaboración e redacción ademais de promover a coordinación entre as diferentes administracións que participan no proxecto e outras institucións e entidades do Consello Asesor, participantes na xuntanza de Teo. Ademais, obxectivo fundamental é socializar o patrimonio arqueolóxico do territorio atendendo a tres eixes fundamentais, a comunidade local, centros escolares e turismo cultural.