Sol Agra: «A violencia machista é o problema máis importante que afecta a vida das mulleres na nosa sociedade»
A deputada de Igualdade presidiu o acto celebrado na sede provincial polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que Avia Veira e Natividade González participaron na lectura da declaración institucional da Deputación, acordada por todos os grupos políticos da corporación.
Sol Agra presidiu o acto celebrado este mañá na sede da Deputación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que Avia Veira e Natividade González participaron na lectura da declaración institucional da Deputación, acordada por todos os grupos políticos da corporación.
Foi contundente a deputada de Igualdade na súa intervención, ao afirmar que «a violencia machista é o problema máis importante que afecta a vida das mulleres na nosa sociedade». «Unha violencia que, malia os intentos de negala ou homologala a calquera violencia que impulsan as posicións retrógradas da dereita e da extrema dereita, é consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres, o patriarcado».
A loita contra a violencia machista debe ser, para Agra, «unha prioridade política, social e institucional de primeira orde, fronte a efemérides e datas sinaladas que se converten en rituais e baleiras de contido».
Botou man das cifras a deputada para subilnar a gravidade do problema: «Desde o comezo do uso estatísticas, en 2003, compútanse máis de 70 mulleres asasinadas na Galicia, 1285 en todo o estado; unha cifra que, temos que ser conscientes, e é incompleta pola limitación ao longo do tempo das categorizacións dos feminicidios e pola invisibilidade na que aínda quedan moitos casos, debido á situación de especial vulnerabilidade das vítimas». Vítimas ás que lle puxo nome Agra: «No que vai de 2024, en Galicia o terrorismo machista acabou coa vida de Fadoua Akkar, asasinato que deixa tamén unha vítima de violencia vicaria, unha crianza de 13 anos; en agosto foi asasinada Mercedes Ríos Muñiz, de 74 anos; en marzo, Andrea Yturry Alave, de 25 anos, que deixaba tamén unha crianza; e este mesmo mes en Baiona foi asasinada Estela Blach Silva, de 36 anos e nai dunha nena».
Para Agra, «son incuestionables a existencia da violencia machista e o seu forte impacto no noso país». «No que vai de 2024», abundou nos datos, «xa son 41 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas en todo o estado. Os feminicidios son a consecuencia máis extrema dunha violencia que no último ano enteiro deixa máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos nos rexistros da Garda Civil, dos que 3231 contan con protección oficial, ou máis de 900 delitos coñecidos contra a liberdade sexual, o maior número e o maior aumento, un 2o por cento, de toda a serie histórica».
«Ante esta situación», advertiu a titular de Igualdade, «observamos con preocupación como as cifras se asumen cada vez máis como parte do día a día, normalizándose no lugar de escandalizar». «A isto contribúen», denunciou, «os discursos negacionistas e banalizadores, mais tamén aqueles que procuran situar a violencia machista como algo individual ou inevitable, cando existe unha resposabilidade colectiva, institucional e social: a de protexer os dereitos humanos e a vida das mulleres».
O reto para as administracións é, afirmou Agra, «avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista e dos feminicidios: é responsabilidade de todas e de todos. así que debemos seguir visibilizando, denunciando, educando, sensibilizando e lexislando para que todas as persoas podamos vivir en igualdade de condicións na nosa sociedade».
A meta da sociedade no tocante á violencia machista está clara: "Acadar a seguridade das mulleres, a posibilidade de que poidan vivir sen medo e sen ser violentadas, agredidas, insultadas ou menosprezadas por ningún home en ningún ámbito, sexa na súa relación de parella ou no seu traballo, nos espazos deportivos ou de ocio, na rúa ou na escola».
«Por iso», rematou, «cada 25 de novembro debemos homenaxear os milleiros de mulleres e de colectivos feministas grazas aos que a violencia machista está no centro do debate político, porque só a mobilización e a concienciación da sociedade pode facer posibles os cambios necesarios para acabar coa violencia machista».
Trala intervención de Agra, leuse a "Declaración institucional da Deputación da Coruña polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres de 2024", lectura na que participaron as deputadas do BNG Natividade González e Avia Veira e na que se reclama «máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades desde servizos 100% públicos». O texto completo pódese ler aquí.