A DEPUTADA PROVINCIAL CRITICOU A CELEBRACIÓN DO DÍA DE HISPANIDADE
Sol Agra fai unha defensa das mulleres e da soberanía fiscal para Galiza na homenaxe do BNG ás Mártires de Nebra
«Hoxe, 12 de outubro, nós non temos nada que celebrar desa Hispanidade, que significa imposición, militarismo, racismo e corrupción; nós hoxe homenaxeamos a memoria de Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Xenerosa Vidal Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneiro e Antonio Sobrado Luaces; celebramos un episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español que fai parte da historia da nosa nación, sistematicamente ocultada, silenciada e manipulada», dixo Agra.
Ponte de Cans volveu lembrar hoxe as Mártires de Nebra, nunha homenaxe que o BNG leva rendendo desde hai 24 anos as cinco persoas asasinadas e 32 feridas na carga da Garda Civil contra unha manifestación de labregos e labregas que reclamaban, en 1916, a abolición dun imposto agrario extraordinario que afogaba o seu medio de vida. No acto participaron a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, o portavoz municipal en Porto do Son, Balbino González, e o deputado do Parlamento galego, Iago Súarez.
Agra fixo unha acendida defensa das mulleres e da soberanía fiscal para Galicia e criticou o Día da Hispanidade como celebración do descubremento de América, «no que morreron máis de tres millóns de persoas», un «xenocidio» que comparou coa invasión de Gaza polo exército de Israel. «Foi, repito, un xenocidio», afirmou, «e non entendemos porque a Garda Civil e o exército poden considerar esta data un día de celebración». «Podo entender», engadiu, «que un estado celebre o remate dunha guerra na que venceron a outro estado que quería conquistalo, pero celebrar a conquista e exterminio dun pobo paréceme incomprensíbel».
«Nós hoxe celebramos a memoria», dixo Agra, a memoria dun feito inxusto no que participou ese “corpo de seguridade” do Estado que segue dependendo do exército, unha anomalía democrática máis desta España ancorada na constitución do 78». «Celebramos a memoria as cinco persoas asasinadas e 32 feridas de bala; ás máis delas, mulleres, coma mulleres foron a maioría de mortas nos diferentes levantamentos durante a loita agraria de primeiros de século XX, sempre silenciadas e invisibilizadas, pero sempre diante, poñéndolle o peito ás balas e as baionetas».
A titular de Igualdade da Deputación coruñesa lembrou o protagonismo histórico das mulleres no activismo: «As mulleres foron diante nas protestas polos dereitos laborais, morrendo ardidas na fábrica Cotton en Nova York un 8 de marzo de 1857 dándolle data a un día de reivindicación internacional; ou, coma Emily Davison no 1913 baixo as patas do cabalo do rei Jorge V no Derby inglés, para pedir o dereito ó voto feminino». O mesmo que ocorreu en Ponte de Cans en outubro de 1916 e logo noutras localidades de Galiza: «Tamén aquí se puxeron diante; e non foi o de Nebra o único caso: morreron as Catro de Sofán en Carballo; Cándida, a mártir de Sobredo, en Tui, e moitas outras protestando contra os foros e o caciquismo de primeiros do século XX; pero tamén despois, durante a ditadura franquista, se destacaron nas loitas veciñais e laborais: nas Encrobas, en Xove, en Pontesa, en Baldaio, en Lourizán e Ponte Sampaio, contra Ence, por acabar coa súa forma de vida, o marisqueo, enfrontándose á represión da protesta contra un buque de guerra e militares e Garda Civil coas baionetas caladas».
Esa denuncia «contra os impostos abusivos, o espolio dos recursos propios e a precariedade, que acabou coa vida de homes e mulleres nas protestas de séculos pasados», ten moito de actualidade, segundo Agra. «O modelo de financiamento das comunidade autónomas impide que Galiza conte cun sistema de financiamento propio, acaído ás nosas necesidades, que garanta o financiamento da nosa sanidade, educación e dos nosos servizos sociais, e que nos permita implementar políticas públicas para potenciar os nosos sectores produtivos e o desenvolvemento da nosa economía».
Que non podamos xestionar os nosos impostos e non nos dean competencias nos servizos provoca situacións de indefensión, ante a inxustiza de ter que poñer ó servizo do estado os nosos recursos e que este os use para pagar as débedas dos bancos ou o incremento do gasto militar por exemplo, en vez de poder destinalos á sanidade pública, a educación ou ós servizos sociais.
Abundou Agra na súa crítica ao afirmar: «Que non podamos xestionar os nosos impostos e non nos dean competencias nos servizos provoca situacións de indefensión, ante a inxustiza de ter que poñer ó servizo do estado os nosos recursos e que este os use para pagar as débedas dos bancos ou o incremento do gasto militar, por exemplo, en vez de poder destinalos á sanidade pública, a educación ou ós servizos sociais».
Que a Galiza se lle negue a soberanía fiscal provoca, segundo Agra, «que sigamos tendo que mobilizarnos en protestas contra ó PP no goberno da Xunta para defender o noso patrimonio e recursos, que lles son regalados a empresas enerxéticas de fóra, que exportan enerxía eléctrica a través dunha rede unitaria cunha tarifa unitaria estatal, na que nós, produtores, somos os menos beneficiados, no canto de ter unha empresa pública galega que nos permitira rebaixar a factura da luz para as nosas empresas e particulares, creando así unha economía máis competitiva».
Rematou Agra a súa intervención insistindo no sentido da homenaxe desta mañá: «Hoxe, 12 de outubro nós non temos nada que celebrar desa Hispanidade, que significa imposición, militarismo, racismo e corrupción; nós hoxe homenaxeamos a memoria de Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Xenerosa Vidal Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneiro e Antonio Sobrado Luaces; celebramos un episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español que fai parte da historia da nosa nación, sistematicamente ocultada, silenciada e manipulada».