Sanmartín saca adiante a iniciativa conxunta para recuperar Meirás

Goretti Sanmartín, minutos antes do pleno desta mañá
Goretti Sanmartín, minutos antes do pleno desta mañá.

A vicepresidenta defende no pleno a moción acordada por todos os grupos e apoiada de maneira unánime instando ao Estado a exercitar as accións administrativas e xudiciais oportunas para a recuperación para o Patrimonio Público do Pazo de Meirás

Sanmartín saca adiante a iniciativa conxunta para recuperar Meirás

Oito meses despois de que a vicepresidenta da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín, fora a primeira líder política en advertir á Fundación Franco que non toleraría a súa actividade propagandística no Pazo de Meirás, Sanmartín recolleu hoxe o respaldo unánime de todos os grupos da cámara provincial (incluído o PP) a unha moción que reclama ao Estado e ao Parlamento de Galiza a que actúen para conseguir a devolución ao patrimonio público de Meirás, e que fagan uso para elo dos informes histórico e xurídicos impulsados desde a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás.

 

Mentres se aprobaba o histórico acordo, a iniciativa política máis importante tomada por calquera institución democrática desde a morte do ditador para reparar o espolio, Manuel Monge, militante do BNG e ex presidente da Comisón Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, un dos activistas que máis empeño puxo en soster a loita por Meirás e mesmo ideou a constitución desa Xunta Pro Devolución como espello daquela Junta Pro Pazo del Caudillo que inciou o espolio, atopábase casualmente facendo uns trámites nos baixos do edificio da Deputación. 

 

O acordo político de esta mañá é deudor do traballo de Monge durante os seus anos ao fronte da CRMH e, tamén, da investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez que serviu de fundamento aos informes que avalan, e mesmo convenceron ao PP, de que non só é lexítimo, senón tamén legalmente posíbel, recuperar Meirás sen coste adicional para a veciñanza e as arcas públicas que xa foron dabondo saqueadas para levantar Meirás, o gran símbolo da opresión franquista no país, como vén de acreditar a investigación de Babío e Pérez.

 

23-mar-2018 PLENO 02S3 (1)A Deputación dirixirase ao Estado para instalo a exercitar as accións administrativas e xudiciais oportunas para os efectos da recuperación para o Patrimonio Público do Pazo de Meirás e compromete para iso a súa colaboración. Esta é unha dos tres acordos da moción que foi hoxe aprobada en pleno co voto a favor de todos os grupos presentes no pleno da Deputación da Coruña. Ademais, a Deputación comprométese a trasladar á Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia, o goberno do Estado, as Cortes do Estado, os grupos parlamentarios e a todas as institucións e organismos que sexan necesario o informe histórico-xuridico encargado pola propia institución.

 

A vicepresidenta da Deputación defendeu “a necesidade de axilizar os trámites para iniciar o proceso canto antes, xa que temos un informe rigoroso e sólido que deseña un camiño claro, e a unha nova provocación dos Franco ao por á venda ao Pazo” e agradeceu o apoio unánime de todos os grupos da Deputación 

 

“É un orgullo contribuírmos a levantar as lousas da invisibilidade e o intento de nos facer crer que nada se pode mover. Fronte a esa idea, desde esta institución actúase, execútanse os acordos, non se fan simples declaracións senón propostas firmes e rigorosas, con solucións para problemas que sabemos complexos”, sinalou Goretti Sanmartín.

 

AUDIO da intervención de Goretti Sanmartín: https://www.ivoox.com/24767849

 

Sanmartín saca adiante a iniciativa conxunta para recuperar Meirás