Remata o proceso de diagnose das políticas de Igualdade nas comarcas

Logo 1

Cos foros de Ordes, Bergantiños e Terra de Soneira, a Deputación da Coruña finaliza a rolda de foros en cada unha das cabeceiras de comarca.

Remata o proceso de diagnose das políticas de Igualdade nas comarcas

O día 11 en Ordes e o día 13 en Bergantiños e Terra de Soneira desenvolveranse os foros que poñen fin a esta primeira rolda de 18 foros comarcais. A seguir, iniciarase outra xeira dirixida especificamente ao persoal político das administracións locais e ao tecido asociativo que se celebrarán en diversas localidades, un total de 32, buscando con isto que a diagnose das políticas de igualdade conte coa participación do maior número posible de axentes do territorio e se avalíe o estudo elaborado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

 

"Nesta fase de elaboración da diagnose cotéxanse os resultados obtidos e danse a coñecer as primeiras avaliacións dos datos obtidos. Queremos que Compartimos plan sexa unha ferramenta para todas as administracións ademais de empresas e colectivos para coñecer a fondo a realidade social e os medios para actuar de maneira máis eficaz no traballo para a igualdade", sinala a deputada de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, responsábel do proxecto.

 

Ofrecerase unha fotografía das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas de cada territorio, co fin de poder validar unha matriz DAFO mediante unha ferramenta interactiva. Este traballo culminará cunha dinámica grupal a partir da cal poderanse deseñar as estratexias de actuación no referido ás políticas de igualdade. Para a difusión e organización destes encontros cóntase coa colaboración dos 93 concellos da provincia.

 

Remata o proceso de diagnose das políticas de Igualdade nas comarcas