O VICEPRESIDENTE VISITOU O PAZO ZASEIRO E AS ESCAVACIÓNS DA PEDRA DO ALTAR, EN BRANDOMIL
Xosé Regueira: «En Turismo da Deputación traballamos na mellora das Torres do Allo para que todos os veciños e veciñas poidan gozar desta xoia do patrimonio provincial»
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou as Torres do Allo para coñecer de primeira man o seu estado de conservación e o avance das escavacións arqueolóxicas na Pedra do Altar, en Brandomil, tamén no municipio de Zas. Acompañárono o alcalde e mais o responsable de Patrimonio dese concello, Manuel Muíño e Manuel García.
«As Torres do Allo constitúen un dos conxuntos arquitectónicos, etnográficos e paisaxísticos máis emblemáticos non só da comarca, senón de toda a provincia e mesmo do país, e por iso debemos protexelas», sinalou Regueira. «Desde o o departamento de Turismo da Deputación, o BNG segue a traballar na mellora das súas condicións e accesibilidade para que todos os veciños e veciñas poidan desfrutar desta xoia patrimonial».
Muíño e García informaron a Regueira da existencia de filtracións de humidade nas Torres, que afectan, en particular, ós muros e ás cubertas. Os tres coincidiron na necesidade de cambiar as cubricións e de mellorar a accesibilidade dos baños para as persoas con mobilidade reducida, actuacións que contarán co financiamento da Deputación. Ademais, o vicepresidente achegouse ata as prospeccións arqueolóxicas na Pedra do Altar, onde coñeceu os achados máis recentes.
A axenda da xornada de Regueira completouse cunha entrevista coa presidenta da Asociación Amigos do Liño, Carmen Riveiro, con quen tratou da próxima edición das xornadas sobre o liño, que os departamentos provinciais de Turismo e de Patrimonio, dirixidos polo BNG, xa organizaron o pasado mes de setembro. Segundo ao falado, as Torres zaseiras volverían acoller a mostra, cuxa data de celebración quérese adiantar á segunda quincena de xuño.