Regueira defende no Reina Sofía o traballo de Turismo da Deputación "para convertir en galerías de arte ao aire libre modelos urbanos a priori hostiles"

Regueira, durante a su intervención no Reina Sofía
Regueira, durante a su intervención no Reina Sofía

“Sacar a arte dos contedores culturais permite que a veciñanza conviva coa arte no seu día a día e que comece a apreciala tamén como un ben cultural accesible”, afirmou o vicepresidente provincial na súa intervención no acto de presentación, no Museo Reina Sofía de Madrid, da Placemaking Week Europe 2022, que se celebrará en Pontevedra do 27 ao 30 de setembro e no que a Deputación terá presenza cunha intervención de arte urbana e un obradoiro sobre a mellora do espazo público a través da cultura.

Regueira defende no Reina Sofía o traballo de Turismo da Deputación "para convertir en galerías de arte ao aire libre modelos urbanos a priori hostiles"

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, vén de participar na presentación da Placemaking Week Europe 2022 no Museo Reina Sofía de Madrid, xunto con representantes da organización e do concello de Pontevedra, a cidade anfitrioa nesta edición.

Regueira confirmou a participación do seu departamento nese congreso internacional cunha intervención urbana na cidade do Lérez e un obradoiro sobre a mellora do espazo público a través de iniciativas culturais. Precisamente a interrelación entre espazo público e cultura foi o tema da intervención do vicepresidente nunha conversa, aberta ao público, co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; o director da Placemaking Europe, Ramón Marrades; a directora do Instituto de Saúde Urbana, Giselle Sebag; e a xornalista Ana Pardo de Vera.

O vicepresidente coruñés expuxo o traballo realizado desde a área provincial de Turismo para intervir en modelos urbanos “que a priori son desagradables e hostís para convertilos en galerías de arte ao aire libre”, en referencia aos festivais de arte pública que contan con apoio do seu departamento. “Sacar a arte dos contedores culturais”, engadiu, “permite que a veciñanza conviva coa arte no seu día a día e que comece a apreciala tamén como un ben cultural accesible”. No auditorio estiveron presentes persoeiros como Joan Clos, ex-director executivo da ONU Habitat (o programa das Nacións Unidas responsable da promoción das cidades sustentables, resilientes e prósperas); o arquitecto e comunicador Pedro Torrijos; o presidente da ONCE, Miguel Carballeda; o director da Escola de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos; e o xornalista Jesús Cintora, entre outros.

Regueira tamén puxo en valor “a filosofía do modelo Pontevedra” á hora de intervir no espazo urbano ata acadar unha cidade pensada para as persoas que é referencia internacional, e salientou “o compromiso, a vontade e a valentía política” do equipo que o fixo posible.  
A Placemaking Week Europe terá lugar entre o 27 e o 30 de setembro e reunirá en Pontevedra ao redor de 400 profesionais relacionados con distintos aspectos da planificación urbana, desde a arte, a saúde, a inclusión, a participación social e a política. Trátase dun Congreso que se celebrou en Ámsterdam por vez primeira en 2017 e que tivo as seguintes citas en Estocolmo e Valencia. A edición 2022 será a primeira tras a pandemia e terá participación de diferentes institucións galegas e de expertos expertas de toda Europa, Asia e Estados Unidos.

Regueira defende no Reina Sofía o traballo de Turismo da Deputación "para convertir en galerías de arte ao aire libre modelos urbanos a priori hostiles"