A DEPUTACIÓN DA CORUÑA FIXO UN INVESTIMENTO DE 400 000 EUROS

Regueira defende a «lealdade institucional» da Deputación para apoiar proxectos coma o Cimix Narón, «de interese para toda a provincia»

Regueira, na inauguración hoxe do Cimix Narón
Regueira, na inauguración hoxe do Cimix Narón
«Este patrimonio industrial vaille dar valor ao Camiño Inglés e contribuír a unha oferta turística máis diversificada no concello, en Ferrolterra e en toda a provincia, por iso non podemos máis que que festexar este momento», dixo o vicepresidente na presentación hoxe do Centro de Interpretación que explicará a historia dun conxunto etnográfico que data do século XVIII.
Regueira defende a «lealdade institucional» da Deputación para apoiar proxectos coma o Cimix Narón, «de interese para toda a provincia»

O Concello de Narón inaugurou hoxe o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (Cimix). O centro, que ocupa o espazo destas edificacións do século XVIII, explicará a historia da instalación industrial e o proceso da moenda. No acto de apertura participou Xosé Regueira, quen, na súa intervención, defendeu a «lealdade institucional» da Deputación para apoiar as administracións máis pequenas e proxectos coma o Cimix Narón, «de interese para toda a provincia».

«Na Deputación da Coruña», afirmou o vicepresidente, «temos moi presente a obriga de colaboración entre as diferentes administracións públicas, e dotámonos de instrumentos de cooperación cuantiosos para achegarlles aos municipios da provincia recursos importantes, e mesmo a outras administracións como a Xunta de Galicia, a través de diferentes concellos».

Segundo Regueira, ese apoio vai máis aló dos servizos básicos municipais: «Ás veces atopámonos con iniciativas singulares, coma esta, e así o entendemos dende un inicio dende a Deputación, cando o goberno municipal nos propuxo recuperar o muíño da Xuvia, un proxecto no que colaboramos diferentes administracións, pois conta con financiaciamento municipal e un esforzo grande na compra do patrimonio; tamén con ayuda económica europea, a través dos fondos FEDER, e por suposto con apoio da Deputación, que vai aportar 400 000 euros co convencemento de que se trata dun patrimonio excepcional».

Afondou o vicepresidente na importancia do conxunto etnográfico: «A antiga Real Fábrica de Fariñas, o muíño de todo o Estado máis importante no seu momento, conservou esa posición de primeira fábrica de fariñas durante boa parte do século XVIII e, cando foi caendo en declive ese modelo industrial, conservou a súa espectacularidade e monumentalidade».

«Soubemos desde un primeiro momento», rematou, «que recuperar este patrimonio industrial e histórico do concello de Narón non era só unha obra de interese para a poboación local, senón para toda a provincia e toda Galicia. Un patrimonio que lle vai dar valor ao Camiño Inglés e contribuír a unha oferta turística máis diversificada no concello, en Ferrolterra e en todo o territorio coruñés, por iso non podemos máis que festexar este momento».

Regueira defende a «lealdade institucional» da Deputación para apoiar proxectos coma o Cimix Narón, «de interese para toda a provincia»