Recoñecemento a dúas mulleres pioneiras
O Premio Otero Pedrayo distingue as traxectorias da pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán.
A pedagoga e ensinante Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán recibiron o Premio Otero Pedrayo nun acto que se desenvolveu na Biblioteca da Deputación da Coruña e que reuniu representantes das catro deputacións e da Xunta de Galicia, institucións convocantes do premio, ademais doutras entidades. A Deputación da Coruña foi nesta nova edición a organizadora dun premio que ten carácter rotatorio e que por vez primeira recaía en dúas mulleres.
As premiadas Antía Cal e María Xosé Queizán agradeceron o recoñecemento e lembraron a súa relación persoal con Ramón Otero Pedrayo, o intelectual que dá nome ao premio. Antía Cal evocou o seu consello cando nos anos cincuenta escribiu o libro de arte para nenos e nenas. "Podo considerarme alumna de don Ramón, sen ter o privilexio de esta matriculada nas súas clases", sinalou. O premio, para ela, foi "formar persoas nunha das profesións máis importantes e emocionantes que se poda ter", dixo da súa traxectoria de vintecinco anos no ensino na que tivo como recompensa "poder axudar a facer unha escola diferente, para que os nenos e nenas pensasen por si mesmos e desenvolvesen as súas capacidades". Rematou a súa intervención compartindo o premio con todas as mestras e mestres e desexando "que a educación e as persoas que a ela se dedican reciban o recoñecemento da sociedade e o apoio dos gobernos e as institucións para que sexa garantía de futuro para as nosas nenas e nenos".
Pola súa parte, a escritora María Xosé Queizán iniciou tamén a súa intervención referíndose á figura de Otero Pedrayo, a quen tratou e tivo "a sorte de escoitar moitas veces" e do que dixo que "continuamos vendo Galiza cos seus ollos, a través dos seus estudos xeográficos, de percorrer palmo a palmo Galiza foi coñecendo a terra e vendo a paisaxe que para el era unha nova personaxe, consensuada co ser galego, co espírito, como dicía no seu tempo. O espírito de Galiza estaba na terra, na paixase, que para el era un personaxe literario máis". Despois de destacar o papel de Otero Pedrayo e outros membros da xeración Nós na historia da cultura galega, con especial atención á influencia nun escritor de vangarda como Manuel Antonio, Queizán agradeceu o premio e referiuse á figura de Antón Beiras -compañeiro de vida de Antía Cal- como a persoa que "inculcou o galeguismo" tanto a ela como a súa compañeira de premio.
Biografías
ANTÍA CAL: http://escolarosaliadecastro.edu.es/index.php?option=com_content&view=article&id=1&Itemid=20&lang=es
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN: http://www.aelg.gal/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor217