"Quixéronos borrar da historia"
Presentación do resultado do proxecto 'Xeración Perdida' que recupera os nomes das vítimas da represión de 1936 nas corporacións municipais da Coruña.
"Unha investigación pioneira e rigorosa", así defninu Goretti Sanmartín o traballo 'Xeración Perdida', dirixido polo historiador Emilio Grandío no que se establece a primeira relación de cargos políticos represariados despois do golpe militar de 1936 na provincia da Coruña. Na investigación, presentada hoxe en forma de libro, recóllese a pegada de 334 concelleiros e concelleiras que padeceron a represión nos municipios da Coruña.
A vicepresidenta da Deputación sinalou que as persoas ás que se lle rende unha homenaxe neste libro, "foron persoas que desempeñaron o seu traballo político e nel reflectiron seu compromiso coa democracia e coas liberdades". Sanmartín insistiu ademais en que as cifras da represión contra os cargo políticos da República foron máis alá desas 334 vítimas en 72 concellos coruñeses, e afectou "tamén ás familias, ás parellas, ás fillas e fillos... descendentes que acabaron sofrindo a represión en distintos graos, empezando polo más básico, polo silenciamento e o ocultamento das vítimas. Quixéronos borrar da historia, que non quedase ninguna pegada delas".
Goretti Sanmartín lembou que o proxecto naceu hai dous anos e agora se concreta na investigación de Alfonso Iglesias, Rosalía Regueiro, Manuel Pérez, Eliseo Fernández, coordinados por Emilio Grandío. Sanmartín reiterou que a recuperación dos nomes e da memoria das vítimas era "unha obriga, un dereito e un deber" por parte da Deputación Provincial.