O Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica para Wieslaw Haladaj
Presentáronse un total de 138 obras de máis de vinte países. O premio está dotado con 6.500 euros.
O artista polaco Wieslaw Haladaj (1959) coa súa obra Appearance-22 é o gañador da 13 edición do Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da Deputación da Coruña que onte se decidiu nunha reunión do xurado que se desenvolveu na Fundación CIEC de Betanzos. O xurado destacou que a obra de Wieslaw Haladai ten un "alto nivel técnico e unha minuciosa elaboración coa que o autor conseguiu crear unha obra que a través do trazo amalgama imaxes nas que se descubre un mundo de rostros e miradas conmovedor". A maioría dos votos optou pola obra de Haladaj entre as 138 presentadas a esta edición do premio da Deputación da Coruña. O artista gañador recibirá un premio de 6.500 euros.
Os accesits foron para o mexicano Rubén Morales Laka coa súa obra, Forma e vacío, e a autora iraniana, Mehdi Darvichi cunha obra sen título. Recibiron mención de honra a artista polaca Anna Trokanowska coa obra Kandomización-Eschemi-03, o polaco Marcil Bialas coa obra Empty egg II e a madrileña Lola Fernández Corral coa obra Aporía gráfica III. Nesta edición presentáronse un total de 138, a metade procedentes de 21 países de fóra do Estado español.