O vicepresidente Xosé Regueira a prol da posta en valor das olarías dos Concellos da provincia

María Muíño
Oleiros e Malpica suman forzas para impulsar o sector da olaría
O vicepresidente Xosé Regueira a prol da posta en valor das olarías dos Concellos da provincia

O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira e o alcalde de Oleiros e deputado provincial, Angel García Seoane, visitaron o Concello de Malpica de Bergantiños onde foron recibidos polo seu alcalde Walter Pardo e distintos membros da Corporación no primeiro encontro das dúas vilas oleiras da provincia. O obxectivo desta primeira xuntanza é establecer sinerxías para darlle forza ao sector oleiro, afectado tamén pola Covid.

O primeiro "cumio" das dúas vilas oleiras da Coruña desenvolveuse hoxe na localidade de Malpica de Bergantiños, con destino especial na parroquia de Buño, coa visita do vicepresidente e deputado e Turismo e Plans, Xosé Regueira, e o alcalde de Oleiros, Angel García Seoane, que foron recibidos no salón de plenos e asinaron no libro de honra antes de se dirixir ao Forno do Forte -patrimonio da Deputación- onde puxeron en común distintos temas arredor do oficio da olería e a súa promoción económica e cultural.

Xosé Regueira e Ángel García Seoane foron recibidos no Concello de Malpica polo seu alcalde, Walter Pardo; xunto á concelleira de Olaría, Leticia Varela e os concelleiros de Promoción Económica, Sergio García; de Turismo, Alfredo Cañizo e de Deportes, Miguel Varela. A reunión, promovida desde a área de Turismo da Deputación da Coruña, serviu para reunir os máximos representantes dos dous concellos de tradición oleira da provincia, Oleiros e Malpica de Bergantiños -pola localidade de Buño- para poñer en común experiencias e establecer novos vínculos de cara a futuras sinerxías que sirvan para fortalecer un sector que tamén se ve afectado pola crise provocada pola covid.

Na visita ao EcoMuseo Forno do Forte, os participantes na xuntanza analizaron as posibilidades de futuro dun oficio cunha longa tradición no territorio que forma parte da identidade dos dous municipios e supón tamén un dos seus recursos turísticos e económicos.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, mostrouse especialmente feliz por ter propiciado "que o alcalde do concello que leva o nome das persoas que traballan o barro poida visitar unha vila oleira nun achegamento moi interesante a través dun sector que historicamente foi moi importante para a economía no noso país e que é preciso colaborar para que recupere a súa presenza volvendo ao uso da olaría como algo cotiá, nas casas ou nos restaurantes", sinalou.

Para Xosé Regueira, é o momento "que dous símbolos da tradición oleira sumen forzas, con proxectos e iniciativas fundamentais como Oleiros coa súa importantísima feira e Buño coa súa mostra ou mesmo o mural de gran formato do artista Joseba Muruzábal de Oleiros que representa a Lola, a artesá de Buño. É necesario coidar eses vínculos e por iso estou satisfeito co encontro e agardo que sexa o primeiro de moitos para facer forte a olaría", sinalou.

Pola súa banda, o alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, destacou que en Buño se "conserva a historia, a maneira en que a ca xente laboraba". Segundo defendeu na súa primeira visita oficial a Buño, é necesario "levantar a olaría, defender qu non ten que ser só para decorar, que vai sendo hora de que se volva ás pezas orixinais, para usalas, recuperar a historia e o traballo", afirmou.

"Temos moito traballo por diante, pero iso correspóndenos a nós, os políticos", engadiu o alcalde de Oleiros que lembrou a historia e tradición compartida polos dous concellos de tradición oleira e defendeu que "a artesanía ten futuro e moito valor económico e turístico. Estase volvendo á agricultura e o campo e a artesanía teñen que volver a funcionar", apuntou no Forno do Forte en que destacou tamén a relevancia da feira de artesanía de Oleiros, Alfaroleiros, tamén pola súa relevancia económica para o sector e o concello.

A artesanía, e "máis concretamente a olaría", argumentou o alcalde de Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, "é un dos elementos vehiculares tanto de Galicia, como máis concretamente de municipios como os nosos', comentou o rexedor malpicán. "A súa esencia pervive intacta ata os nosos días, e temos que agradecer o desempeño diario das nosas e nosos artesáns para mantela viva", aludiu, facendo fincapé na "importancia que ten para construír identidade", finalizaba Pardo. Explicou que a Covid "deu un revés forte ao sector pero é necesario darlle vida ao oficio e hai futuro porque hai tamén oleiros novos a traballar que teñen que ter novas oportunidades"

A concelleira de Olaría do Concello de Malpica, Leticia Varela, recalcou que "é o momento de volver a sectores primarios e de volver ás raíces, do que é noso e do que queremos vivir,  para o uso cotiá do barro e tamén para o turismo Buño é un sitio ideal para buscar outro tipo de turismo, máis sustentable, porque temos a posibilidade para facelo", e despois de se referir ao vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, por ter animado ao encontro, mostrou os seus "agradecementos ao alcalde de Oleiros por este primeiro achegamento entre vilas, de cara a tecer redes cun obxectivo común: a olaría", finalizou.
 

O vicepresidente Xosé Regueira a prol da posta en valor das olarías dos Concellos da provincia