Novos vehículos adaptados para Aspace, Agasdep e Amarai
Coa entrega de onte, a Deputación completa a cesión de 11 vehículos adaptados a outras entidades sen ánimo de lucro a provincia.
A deputada de Benestar Social, Ánxela Franco (BNG) entregou onte tres novas furgonetas adaptadas para o transporte de persoas con discapacidade física ás entidades Aspace (Sada) , Agasdep (A Coruña) e Amarai (Arzúa). No acto participou ademais o presidente da Deputación da Coruña, González Formoso. Os responsables das tres entidades destacaron o importante apoio da Deputación ao ceder estes vehículos, que premitirán solventar o transporte de moitas persoas con grandes necesidades de apoio. O transporte de usuarios é un aspecto fundamental e un dos grandes problemas cos que se atopan este tipo de asociacións á hora de desenvolver a súa actividade.
Ánxela Franco incidiu tamén neste aspecto e destacou que "na Deputación escoitamos ás entidades e somos conscientes deste problema, por iso creamos un programa para axudar a solucionar o problema do transporte".
Coa entrega destes tres vehículos, a Deputación da Coruña completa a cesión dun total de once vehículos adaptados a outras entidades sen ánimo de lucro a provincia. As entidades beneficiarias desta convocatoria foron a Asociación Nosa Señora de Chamorro, a Asociación de Discapacitados da Comarca de Muros, Asociación de persoas con discapacidade Avante; Asociación de persoas con discapacidade e apoio á integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide (Amarai), Asociación Discapacitados Terra de Muros, Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol, Asociación Pais Def. Físicos e Psíquicos Comarcas Xallas-Cee, Asociación Pro Saúde Mental A Creba, Asociación Porta Nova, Asociación Íntegro P/ Diversidade Funcional comarca Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra e Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE).