A nova liña de apoio á exhibición de audiovisuais en galego está aberta até o 9 de maio
A Deputación da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual avalían conxuntamente a política e as iniciativas de apoio ao audiovisual galego.
O Programa Visións da Rede Cultural, o apoio aos festivais do sector audiovisual e a nova liña de apoio á distribución e exhibición de contidos en lingua galega son algunhas das iniciativas que hoxe centraron a xuntanza entre a vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.
Na xuntanza, que se desenvolveu na mañá deste mércores, avaliáronse as distintas iniciativas impulsadas desde a área de Cultura da Deputación da Coruña e solicitouse da Academia Galega do Audiovisual contraste e opinión informada sobre os diferentes programas postos en marcha, co obxectivo de poder desenvolver unha avaliación cualititativa destes por parte de persoas e entidades representativas do sector.
“A Deputación da Coruña quere achegar a produción audiovisual galega ao público. Estamos nun momento en que se están a producir contidos de gran calidade mais teñen moi complexo chegar ao público en pantallas grandes polo que a nosa aposta é abrir novos camiños para ese encontro necesario”, sinalou Goretti Sanmartín despois da xuntanza na que participaron tamén o presidente e o director técnico da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e Miguel Mariño e o asesor cultural da Deputación da Coruña, Xavier Campos.
O presidente da AGA, Carlos Ares, fixo unha “valoración moi positiva das propostas para o sector que a Deputación da Coruña está a impulsar, implicándose en que os produtos cheguen á audiencia e non só nas cidades senón tamén en vilas de menos poboación, promovendo unha nova rede de distribución moi interesante que deberá ir medrando”.
Nova liña de difusión
Especial atención mereceu a nova liña de difusión de filmes en galego para a que a Deputación destina un orzamento de 150.000 euros nunha iniciativa que suma á promoción da produción audiovisual á da nosa lingua. A nova convocatoria responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega e nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais.
A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.