A nova dimensión de Manuel María

Sande, Asende, Seivane e Sabela Goi, con Goretti Sanmartín esta mañá na Deputación
Sande, Ansede, Seivane e Sabela Goi, con Goretti Sanmartín esta mañá na Deputación.

A Deputación da Coruña acolleu este martes a presentación da 10ª edición de'Lúas de Outono', a homenaxe anual a Manuel María na cidade da Coruña en que pasou os seu últimos anos e que, nesta nova edición, terá lugar o vindeiro  mércores día 19 de setembro ás 20.30 horas nun acto en que se presentará o novo disco 'Fa' de Susana Seivane.

A nova dimensión de Manuel María

"Sempre tiven moitas ganas de musicalizar a María, e púxeme tola de contenta cando a súa fundación me chamou para este acto", explicou a gaiteira Susana Seivane na presentación esta mañá na Deputación de Lúas de outono, o acto homenaxe ao poeta no que ademais a artista presentará seu último disco Fa. Manuel María era "un home que escribía sobre o amor e que loitaba polos seus ideais", resumiu Seivane as súas afinidades co poeta. "Pretendemos traer ao presente, recrear, darlle unha nova dimensión á obra de Manuel María con distintas manifestacións artísticas, desde o teatro á danza ou a música, como nesta ocasión", explicou Alberte Ansede que agradeceu a Susana Seivane a estrea no acto de homenaxe. "Teremos o privilexio de gozar da estrea dun traballo moi agardado xa que levaba oito anos sen gravar ningún novo disco esta música de referencia que ten moitos puntos de conexión con Manuel María porque os dous combinan tradición e modernidade, actualizando Susana o instrumento nacional que é a gaita mais sen perder o sabor da tradición, cunha filosofía parella, con sabor galego popular e refinamento culto", engadiu o secretario da Fundación Manuel María antes de que a súa presidenta, Saleta Goi, agradecera todo o apoio e colaboración para, un ano máis, homenaxear ao escritor que tanta pegada deixou na Coruña en que viviu os seus últimos anos.

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín,  mostrou a satisfacción porque "se fagan presentacións de actos como este dunha cultura viva" nunha semana, segundo sinalou, "en que temos que lamentar a desaparición do Diario Cultural da Radio Galega, despois de trinta anos facéndose eco da información cultural". Como "unha incorporación magnífica" ao xa amplo conxunto de nomes que teñen levado á música a Manuel María cualificou Goretti Sanmartín a participación de Susana Seivane que interpretará en Lúas de outono dous temas baseados na obra do escritor. Adiantou que o do 19 será un "espectáculo singular porque xunta un poeta extraordinario cunha música de referencia que presenta o seu novo traballo".

A nova dimensión de Manuel María