María Muíño: «A boa acollida do Festival Rosalía vén demostrar a importancia de apostar, divulgar e crear no noso idioma»
A gran participación nas actividades do Festival Rosalía, con sede en Compostela onte e hoxe, centrou as intervencións institucionais durante a apertura deste xornada de sábado. A deputada provincial de Normalización Lingüística, María Muíño, asegurou que esa boa acollida «vén demostrar a importancia de apostar, divulgar e crear no noso idioma e de ter un compromiso activo desde todas as administacións». «Lembremos», engadiu, «que o lema desta edición é 'O galego é o noso superpoder', na liña da filosofía de celebrar e compartir o noso máximo referente a nivel mundial, Rosalía, e a defensa que ela mesmo fixo da nosa lingua».
Muíño tivo acompañada polo seu compañeiro de grupo na Deputación e titular de Patrimonio, Xosé Lois Penas; pola nosa deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas; polas concelleiras da corporación compostelá Mercedes Rosón, Goretti Sanmartín e Branca Novoneyra; polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.
A programación desta quinta edición do Festival Rosalía —unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación, en colaboración con Concello de Santiago— inclúe propostas escénicas, música, faladoiros e un roteiro literario, que se celebran no espazo central da Praza de Cervantes, pero tamén no Colexio Maior de Santo Agostiño, no SCS Maruxa e Coralia e no Teatro Principal.