María Muíño insta á Xunta a implicarse no pulo para que existan no curto prazo profesionais estables e equipos de técnicos promotores da igualdade
A responsable de Igualdade da Deputación da Coruña reuniuse coas trece axentes de igualdade xa incorporadas aos concellos para poñer en marcha iniciativas contra a violencia de xénero e políticas para que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades.
"Está claro que para ter unha sociedade en igualdade e libre de violencias ten que existir persoal especializado", asegurou a responsable de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, na xuntanza que mantivo hoxe no Pazo de Mariñán coas axentes de igualdade da provincia coa mirada posta na creación da Rede de concellos pola Igualdade. Muíño instou á Xunta "a implicarse no pulo para que existan no curto prazo profesionais estábeis e equipos con profesionais con diferentes perfís: axentes de igualdade e promotores da igualdade".
A xornada serviu para poñer en común a situación de partida e coordinarse nas accións que se van desenvolver ao longo dos vindeiros meses. Así, as profesionais traballaron arredor de tres cuestións sobre as que debateron e fixeron propostas que se centraron nas políticas de transversalidade de xénero no ámbito local; en como mellorar a coordinación interinstitucional ante a prevención e intervención en materia de violencia de xénero; e sobre os retos de futuron das políticas de igualdade de xénero municipais.
Durante o encontro, a deputada provincial aproveitou para anunciar que desde a área que dirixe xa se ten moi avanzado o traballo para a creación da Rede de concellos pola igualdade da provincia, o que permitirá unha mellor coordinación, impacto e eficacia das accións e inciativas programadas. Tamén lembrou que a creación e posta en marcha desta Rede á unha das propostas que recollidas no plan de igualdade recollidas no territorio.
Muíño tamén se comprometeu a seguir mantendo a liña de subvencións creada en 2021 porque, afirmou, "está claro que para ter unha sociedade en igualdade e libre de violencias ten que existir persoal especializado".
En total son trece as técnicas de igualdade que xa traballan nos concellos de A Laracha, Dodro, A Pobra, Brión , Tordoia, Fene, Boimorto, Rois, Trazo, Cabanas, Camariñas, Coirós e San Sadurniño. Ademais, está en proceso a contratación de profesionais para os municipios de Betanzos, Rianxo, Melide e Dodro.