A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DUPLICOU EN 2021 O NÚMERO DE QUEIXAS RECIBIDAS

María Muíño salienta a importancia da Liña do Galego "para canalizar e visibilizar as queixas ao respecto da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos"

María Muíño, durante a presentación hoxe do informe da Liña do Galego 2021
María Muíño, durante a presentación hoxe do informe da Liña do Galego 2021

Na presentación, esta mañá, do informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2021, Muíño cualificou ese proxecto como “necesario, singular e excepcional” e anunciou que o departamento de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña seguirao apoiando en 2022 ao estar xa aprobada en pleno a partida orzamentaria: 34.000 euros dun orzamento total de 42.500.

María Muíño salienta a importancia da Liña do Galego "para canalizar e visibilizar as queixas ao respecto da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos"

A responsable de Lingua da Deputación da Coruña, María Muíño, e o presidente e a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Celia Armas, presentaron esta mañá na Coruña o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2021. Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano a Mesa tramitou —a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego— 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 consultas e 58 parabéns.

“Debemos sinalar a importancia”, asegurou Muíño, “que a Liña do Galego ten para canalizar e dar visibilidade ás queixas ao respecto da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos, mais tamén como ferramenta para transformar e mudar a realidade”. Neste sentido, a responsable de Normalización Lingüística cualificou a Liña do Galego como “un proxecto necesario, singular e excepcional” e anunciou que o seu departamento continuará co apoio a esta iniciativa en 2022 ao estar xa aprobada en pleno a partida orzamentaria: 34.000 euros dun orzamento total de 42.500.

As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa. A secretaria xeral da entidade explicou que, en xeral, "é no ámbito da administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración". Porén, Armas sinalou que "no sector privado aínda hai moito por avanzar, for no campo lexislativo, for na responsabilidade de atención digna que deben asumir as empresas". Destas, as que máis queixas rexistraron o 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia. A maioría destas reclamacións derivan da falta de atención oral e escrita en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas.

A secretaria da Mesa salientou ademais algúns dos éxitos acadados despois da actuación da Liña do galego, como o feito de que Milanuncios corrixise o topónimo deturpado da Coruña, o ximnasio Be One o de "Las Lagunas" por As Lagoas e Lidl o de Vilagarcía de Arousa. Ademais, Abanca comprometeuse a poñer a disposición de quen o solicite a documentación requirida en galego e a a plataforma é-saúde da Consellería de Sanidade comezou a abrirse, por defecto, en Galego.

“O obxectivo da Liña do Galego”, afirmou Armas,,"é romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego. Denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento”.

Marcos Maceira insistiu na grande importancia de  que exista un servizo como a Liña do Galego, único das súas características en Galiza e que só conta coa axuda da Deputación da Coruña. “A medida que o servizo se consolida aumentan as queixas", dixo. "A Liña é o único recurso de moitas persoas contra a frustracións, as ofensas continuas e o maltrato a persoas que o único que queren facer é vivir en galego con toda a normalidade posíbel. Con máis apoio público, directo ou indirecto poderiamos actuar máis e conseguiriamos que as agresións lingüísticas fosen menos”. “En calquera caso", rematou, "o que presentamos no informe é unha mostra mínima do que acontece en Galiza co galego, temos a certeza de que hai miles de casos semellantes mais só nos chega unha parte pequena".

"Hai quen ten interese en reducir o galego ás mínimas posibilidades de uso e ás veces nen sequera ao ámbito privado", denunciou Maceira, en referencia ao caso de agresión física padecida por unha muller en Lugo a semana pasada. "Tamén hai quen se preocupa de que o galego non sexa útil nin sequera nos espazos que a sociedade foi recuperando para o galego", lamentou.

Como exemplo de negación do dereito ao uso do galego con repercusión noutros dereitos como a saúde ou a información, Maceira lembrou o caso do veciño de Rianxo ao que a Delegación do goberno sancionou con 601 € por reclamar ser atendido en galego antes de entrar a un cribado Covid.

O  informe da Liña do Galego 2021 pódese consultar e descargar na seguinte ligazón: https://bit.ly/3JRqgYe

María Muíño salienta a importancia da Liña do Galego "para canalizar e visibilizar as queixas ao respecto da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos"