María Muíño salienta a figura "mítica" de Antolín Faraldo na inauguración dos Xogos Florais de Betanzos 2022

María Muíño, na presentación, hoxe, dos Xogos Florais de Betanzos 2022
María Muíño, na presentación, hoxe, dos Xogos Florais de Betanzos 2022

“Parafraseando a Murguía, atopámonos ante ‘o primeiro e o mellor’, un persoeiro dunha relevancia e influencia extraordinarias no noso presente, precursor na consideración da identidade e autonomía da Galiza fronte ao centralismo e que, porén, segue a ser moi descoñecido”, salientou a deputada provincial de Igualdade. “Estes Xogos Florais forman parte dunha serie de accións promovidas desde a área de Normalización Lingüística da Deputación ao redor de Faraldo, como o apoio ao libro 'Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do rexurdimento' ou a elaboración de pequenos audiovisuais que abordan e recuperan temáticas que o intelectual betanceiro tratou nos seus artigos xornalísticos". 

María Muíño salienta a figura "mítica" de Antolín Faraldo na inauguración dos Xogos Florais de Betanzos 2022

A piques de se cumprir os douscentos anos do nacemento en Betanzos de Antolín Faraldo, o 2 de setembro de 1822, esa vila coruñesa acolle do 26 ao 28 de agosto os Xogos Florais dedicados á figura de quen foi precursor do Rexurdimento, voz dunha xeración e alma e mente da Revolución de 1846. O programa de actividades botou a andar este venres cun acto de inauguración no Claustro de Santo Domingo no que participou María Muíño, responsable de Normalización Lingüística e do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña.

“Na figura de Antolín Faraldo”, sinalou Muíño, “atopamos a forza do pensamento e da acción dunha figura que se implicará durante a súa curta vida nos problemas sociais do momento”. “Precursor na consideración da identidade e autonomía da Galiza fronte ao centralismo, nos seus escritos xornalísticos atopamos unha persoa preocupada e centrada en temas como o rol da muller no seu tempo, o suicidio, a cultura galega, a liberdade de prensa ou a separación Igrexa-Estado. Parafraseando a Murguía, atopámonos ante ‘o primeiro e o mellor’, unha figura mítica, dunha relevancia e influencia extraordinarias no noso presente e que, porén, segue a ser moi descoñecida”, engadiu durante a súa intervención, na que estivo acompañada por representantes da Asociación Pesquedellas e do Concello de Betanzos.

“Estes Xogos Florais”, explicou a deputada, “forman parte dunha serie de accións promovidas desde a Deputación ao redor de Faraldo, que arrancaron co apoio ao libro “Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento” (Alvarellos Editora), da autoría do historiador Xurxo Martínez e que se está a presentar en diferentes localidades”. Muíño adiantou que o seu departamento está a traballar na elaboración de pequenos audiovisuais que abordan e recuperan temáticas que Faraldo tratou nos seus artigos xornalísticos. 

O acto conectou a dimensión xornalística de Faraldo cos nosos tempos na presentación de “A Cousa”, proxecto de catro mozas periodistas saídas da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Non faltou a música neste día de apertura: o espectáculo ‘A drag panderereira’, de MEIGA-i. Os Xogos Florais de Betanzos, ideados e producidos por Proxecto Pesquedellas, forman parte da programación que a área provincial de Normalización Lingüística dedica ao bicentenario de Faraldo.

Os Xogos Florais de Betanzos contan ademais coa colaboración de artistas e creadoras locais, como Factoría Nini e Death or Glory Collective, responsables do deseño das camisolas e bolsas conmemorativas do bicentenario de Faraldo. Todo o programa ten un enfoque participativo e procura a implicación da xente nova nas actividades. “A nosa vila foi un lugar sinalado na loita pola lingua galega no pasado con figuras como Antolín Faraldo ou fitos históricos coma o primeiro discurso público en galego, a Irmandade da Fala de Betanzos ou os propios Xogos Florais”, comenta a Asociación Pesquedellas, colectivo que iniciou a recuperación desta celebración do Rexurdimento cunha primeira edición dos Xogos en 2021.

Os Xogos seguirán toda a fin de semana. O ‘slam’ de poesía, o desfile de traxe tradicional, co Sarillo, e a música, con Donner e os Kebabs, serán protagonistas o sábado 27. Para o domingo 28 entregaranse os premios do certame xornalístico e do ‘slam’ poético, nunha xornada final na que se enxalzará o traxe galego e na que actuará o grupo musical A Tajea. 

PROGRAMACIÓN SÁBADO 27 E DOMINGO 28

Sábado 27
12 horas. Slam de poesía. Café Lanzós.  O Slam Poético é un concurso poético no que cada participante recita a súa creación directo coa particularidade de que o xurado é o público asistente. O concurso constará de dúas roldas nas que cada poeta contará cunha intervención de tres minutos por volta.  Inscricións en [email protected] 
20 horas. Obradoiro de O Sarillo: Desfile de traxe tradicional. Praza da Constitución
21 horas. Actuación musical do cuarteto tradicional ‘Donner e os Kebabs’. Praza da Constitución

Domingo 28
12 horas. Entrega premios Slam Poético e Concurso Xornalístico Antolín Faraldo. Os artigos gañadores serán publicados no suplemento ‘Antolín Faraldo’ do mes de setembro, suplemento do xornal da Asociación dos Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE CCA). A gañadora recibirá 150 € e o segundo premio será de 100 €.  Seguirá o concerto de A Tajea e o Día de Enxalzamento do Traxe Galego. Praza da Constitución. 
Remate dos Xogos cunha foliada en A Cañota.

María Muíño salienta a figura "mítica" de Antolín Faraldo na inauguración dos Xogos Florais de Betanzos 2022