TERÁ COMO RESULTADO UNHA COLECCIÓN DE GUÍAS ADAPTADAS Á REALIDADE DO TRABALLO ADMINISTRATIVO
María Muíño presentou ‘Integra o xénero’, o proxecto da Deputación para integrar a perspectiva de xénero de xeito real e efectivo nas políticas públicas
A deputada de Igualdade, María Muíño, acompañada das técnicas Eva Ovenza e Eva Garabal, presentou esta mañá o inicio do proxecto ‘Integra o Xénero’, que ten por obxectivo crear ferramentas para integrar a perspectiva de xénero e o principio de igualdade dun xeito transversal ás políticas públicas. Trátase dun proceso colaborativo e participativo, no que se involucrará ao persoal da Deputación e dos concellos, que rematará coa elaboración de tres guías a comezos de 2023.
Muíño definiu como “o gran reto das administracións”, integrar a perspectiva de xénero de xeito real e efectivo nas políticas públicas. "Para acadalo", egadiu, "desde o departamento provincial de Igualdade queremos que o proceso sexa participativo e colaborativo para que o resultado permaneza e sexa compartido por todos e todas”. Muíño adiantou que neste proceso será de vital importancia a metodoloxía, xa que buscará dotar ás traballadoras e traballadores das Adminsitración de técnicas para detectar as desigualdades na súa práctica profesional cotiá e ofrecer pautas para superar as eivas existentes. “Trátase de detectar as necesidades e problemáticas coas que se atopa o persoal no seu contexto de traballo específico á hora de incluír dun xeito transversal a igualdade e a perspectiva de xénero”.
‘Integra o xénero’ terá como resultado unha colección de guías coas que se busca dotar ao persoal da Deputación e dos concellos da provincia de ferramentas útiles e de fácil manexo, que conteñan pautas e recomendacións prácticas para a incorporación do principio de igualdade dun xeito transversal. Este proxecto forma parte das medidas de actuación recollidas en “Compartimos Plan”, o Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, en vixencia para o período 2019-2023. A colección, inicialmente, contará con tres títulos: a “Guía básica de recomendacións sobre a integración da perspectiva de xénero nas Políticas Públicas”; a “Guía de apoio ao establecemento de cláusulas de igualdade”; e a “Guía para a integración da perspectiva de xénero no emprego e na formación”.
A novidade de ‘Integra o xénero’ radica en que é a primeira vez en Galiza que se fai unha colección —ata o de agora só se atopan guías individuais— e cada unha delas tratará diferentes campos: cultura, deporte, formación, presupostos, subvencións, plans de emprego etc. Outra das novidades é o enfoque participativo e adaptado ás necesidades reais tanto do persoal técnico como político das entidades locais e doas entidades asociativas que colaboren no proceso.