María Muíño entregou os premios ás gañadoras do XIII Concurso de Viñetas convocado por Igualdade da Deputación
Muíño animou ás galardoadas a “facer uso do don da creatividade para difundir valores de igualdade, xustiza social e promover o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria”. "Deséxovos", engadiu, "que no transcurso da vosa vida adulta chegue un momento no que poidades dicir que xa non existe o efecto Matilda”.
María Muíño vén de facer entrega dos premios do XIII Concurso de Viñetas para alumnado de secundaria convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña. O acto, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, reuniu á gañadora do primeiro premio da categoría A, Vega Menéndez, de 13 anos e residente en Culleredo; á do segundo premio, Inés Grau, tamén de 13 anos e residente na Coruña; e á do terceiro, Ainara Soto, de 12 anos e residente na Coruña. Non estivo presente a a gañadora da categoría B, Laura Mayo, de 17 anos, residente en Valladolid.
A responsable provincial de Igualdade, que fixo entrega de material educativo e didáctico, animou ás galardoadas a “facer uso do don da creatividade para difundir valores de igualdade, xustiza social e promover o cambio cara a unha sociedade máis igualitaria, co desexo de que no transcurso da vosa vida adulta chegue un momento no que poidades dicir que xa non existe o efecto Matilda”. Nesta edición, o Concurso de Viñetas da Deputación quixo promover a reflexión, concienciar, dar visibilidade e mudar mentalidades en relación ao 'efecto Matilda', termo empregado por primeira vez pola sufraxista e abolicionista Matilda Joslyn Gage para describir o prexuízo en contra de recoñecer os logros das mulleres científicas, cuxo traballo a miúdo se atribúe a colegas masculinos.
En canto aos traballos gañadores, na categoría A, o xurado salientou da proposta presentada por Vega Menéndez “a orixinalidade das cores e da gráfica en relación a idade da autora, así como que a temática reflicte a invisibilidade das mulleres facendo referencias concretas”. Do traballo de Inés Grau destacou a “claridade da narrativa gráfica, feita de xeito tradicional, ao tempo que dá resposta ao que facer cunha mensaxe final máis reivindicativa dos dereitos das mulleres”. Mentres que a proposta de Ainara Soto cualificouna como “diferente e atractiva, mostra equilibrio e destaca polo grado de recursos gráficos e narrativos; a composición reflicte coñecemento do mundo do cómic e a realidade das mulleres nas súas carreiras científicas”.
Da obra vencedora na categoría B, de Laura Mayo, o xurado asegurou no seu informe que “posúe unha narrativa fantástica, dentro da sinxeleza que presenta”. Tamén salientou “o uso da cor e os diferentes ambientes en diferentes espazos: é unha historia profunda que conecta diferentes épocas, cuxa parte temática incide na busca de referentes”.
O concurso de viñetas é unha das iniciativas que a área de Igualdade provincial ten en marcha para concienciar sobre as desigualdades que afectan á muller actual na sociedade galega. Súmase a campañas máis específicas, como a do 8M 'Mobilizadxs xti', centrada en difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.