AS XORNADAS ESTÁN IMPULSADAS POLO DEPARTAMENTO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA E A REDE DA GALILUSOFONIA
María Muíño: "Co foro 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga' queremos promover o coñecemento e socialización colectiva e compartida do pasado, da historia propia"
Na presentación do foro, a deputada fixo fincapé na calidade do programa, que, durante os próximos seis meses, inclúe conferencias, visitas guiadas, teatro e música en ambas cidades. "Os contidos dos relatorios", sinalou, "son de extraordinaria relevancia e tratarán temas coma os nomes de lugares, a plena normalidade da lingua galego portuguesa na Baixa Idade Media, o respecto pola lírica, a construción do Reino suevo ou as estratexias para a restauración da unidade galego portuguesa".
A Deputación da Coruña e a Rede da GaliLusofonia veñen de presentar o foro de coñecemento 'A Lingua e o Reino, entre Compostela e Braga', que botará a andar o vindeiro 17 de xaneiro e que contempla seis meses de conferencias, visitas guiadas, teatro e música en ambas cidades. Na presentación participaron a responsable do departamento provincial de Normalización Lingüística, María Muíño; o director da Escola Oficial de Idiomas de Compostela e coordinador xeral da Rede da GaliLusofonía, Gonzalo Constenla; o representante de Convergencias Portugal-Galiza, Jaime Torres, e o arqueólogo da Universidade do Minho, Luís Fontes.
A idea central é, segundo explicou Muíño "promover o coñecemento e socialización colectiva e compartida do pasado, da historia propia". "Xa en 2022", lembrou a deputada, "desde a institución provincial puxemos en marcha varias iniciativas para contribuír ao coñecemento do Reino de Galicia e da nosa historia medieval: organizouse un congreso, abrimos unha convocatoria de premios e agora continuamos con estas xornadas".
A deputada fixo fincapé na calidade do programa: "Os contidos dos relatorios son de extraordinaria relevancia e tratarán tema coma os nomes de lugares, a plena normalidade da lingua galega portuguesa na Baixa Idade Media, o respecto pola lírica, a figura de Inés de Castro, a construción do Reino suevo ou as estratexias para a restauración da unidade galego portuguesa".
Relatores e relatoras de ámbitos da filoloxía estarán a cargo das conferencias nunha programación que tamén inclúe actuacións musicais, teatro, e visitas guiadas a lugares emblemáticos de Compostela coma o Panteón Real da Catedral de Santiago ou o Castelo da Rocha Forte. Todas as actividades son de balde e abertas ao público ata completar aforo, agás as visitas guiadas para as que é preciso inscribirse en i.gal/Braga e en i.gal/VisitasCompostela.
Programa Compostela
Xaneiro
- Día 17, 19.30 horas, na EOI de Santiago. Palestra: 'O nome dos lugares. As intervencións monárquicas na toponimia galego-portuguesa', con Gonzalo Navaza, profesor titular de Literatura Galega na Universidade de Vigo.
- Día 31, 19 horas, no Centro Sociocultural de Vite. Teatro: 'Terra de Raíñas', con Os Quinquilláns.
Febreiro
- Día 28, 19.30 horas, na EOI de Santiago. Palestra: 'A plena normalidade da lingua galega-portuguesa na Baixa Idade Media', con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega.
Marzo
- Día 14, 17.30 horas, na Catedral de Santiago. Visita guiada: 'Unha catedral para un reino', con Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico e conservador do Museo da Catedral de Santiago de Compostela.
- Día 28, 19.30 horas, na EOI de Santiago. Palestra: 'Lírica galego-portuguesa, a poesía dun Reino', con Mariña Arbor, filóloga, investigadora e profesora na Universidade de Santiago.
Abril
- Día 18, 20.30 horas, Riquela Club. Concerto de LaMontagne & PicoAmperio.
Maio
- Día 2, 19 horas, no Castelo da Rocha Forte (Compostela). Visita guiada: 'Castelo da Rocha Forte, do control do territorio á revolta", con Mario César Vila, doutor pola Universidade de Santiago.
Programa Braga
18 de xaneiro. Casa do Conhecimento, Largo do Paço.
- 9.30 horas. Apertura da xornada.
- 10 horas. Palestra: 'Inés de Castro, a política e a lenda', con Alicia Díaz Balado, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e escritora.
- 10.45 horas. Palestra: 'Estratexias para a restauración da unidade galego-portuguesa na Baixa Idade Media, con Francisco Rodríguez Sánchez, estudoso e investigador da realidade galega.
- 12 horas. Palestra: 'Os suevos e a construción do primeiro reino xermánico de Occidente', con Luís Amaral, profesor da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, especializado en Historia Medieval de Portugal.
- 14.45 horas. Visita guiada à Sé e à Capela dos Reis, a São Martinho de Dume e a São Frutuoso, con Luis Fontes, arqueólogo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho.
- 18 horas. Concerto "Treides comigo!", de Xoán Curiel, acompañado pola arpista Bleuenn Le Friec.