PARA O PÚBLICO MÁIS MOZO OFERTARASE UNHA ACTIVIDADE DE 'VISUAL THINKING', UN XOGO DE 'SCAPE ROOM' E UN ESPECTÁCULO MUSICAL, A TRAVÉS DA WEB DEFRONTE.GAL
María Muíño apela ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista co gallo da reactivación en novembro da campaña “DE FRONTE”, da Deputación da Coruña
A campaña que organiza a institución provincial con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, contempla un programa de actividades que busca a implicación social, de xeito especial a dos concellos e tamén a das distintas entidades sociais que traballan no territorio. Ademais, área de Igualde, que xestiona Muíno, porá a disposición da cidadanía, do o 4 ao 25 de novembro, unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero.
"DE FRONTE á violencia machista' non é un lema, é un plan de traballo e de acción política" asegurou a deputada de Igualdade, María Muíño, na presentación, hoxe, da reactivación da campaña que organiza a insitución provincial con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. "Desde a Deputación", engadiu, "levamos xa moitos anos construíndo rede cos concellos, co tecido asociativo e coa cidadanía para planificar e desenvolver accións que afonden nas causas e solucións a esta grave problemática da nosa sociedade".
En relación á campaña específica que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, Muíño indicou que "o obxectivo é concienciarnos da necesidade de non mirar para outro lado, non agochar a mirada, que sexamos conscientes de que non podemos ficar impasibles diante da violencia machista, que todas e todos temos que mirala de fronte e enfrontala, non admitindo discursos que a negan, procurando solucións, aportando recursos persoais e económicos, formando en igualdade, ou eliminando atrancos burocráticos ás mulleres vítimas e as súas fillas e fillos".
Palestras sobre violencia vicaria, violencias de xénero en mulleres maiores, e sobre o traballo técnico en rede a nivel local, centrarán actividades en Arteixo, Rianxo e Muxía. Para o público máis mozo ofertarase unha actividade de 'visual thinking', un xogo de 'scape room' e un espectáculo musical, a través da web defronte.gal. O 25 de novembro, ás 12 horas, no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña, as poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao ofrecerán un recital.
Programa de actividades
Palestras
Xoves 4 de novembro de 19h a 20h. Centro Arteixo Innovación.
"Violencia vicaria, o papel das/os menores na violencia de xénero e actualizacións normativas para protección da infancia". Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero, abordarán a violencia vicaria como unha manifestación máis da violencia machista. Explicarán cuestións tan necesarias como identificar como se manifesta, como abordala, como se regula a violencia vicaria no sistema legal, como protexer ás vítimas a través do sistema xudicial e os recursos existentes para facelo.
Xoves 11 de novembro de 19h a 20h. Auditorio Municipal de Rianxo.
"Violencias de xénero en mulleres maiores". Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA serán as encargadas de expoñer como as mulleres maiores experimentan a discriminación de xénero en maior medida que as mulleres novas, e a discriminación por idade máis que os homes maiores; e como esta dobre discriminación está na base da invisibilidade da violencia de xénero.
Xoves 18 de novembro de 18h a 19h. Auditorio Municipal de Muxía
"A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local". Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee, Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía abordarán a importancia da coordinación de servizos e profesionais de distintos recursos para mellorar o sistema de atención integral á vítimas de violencia de xénero, ao tempo que amosarán en primeira persoa a práctica do traballo en rede no ámbito local.
'Visual thinking'. Actividade xuvenil sobre tratamento e prevención da violencia de xénero, a partires de 3 microvídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.
Vídeo 1. Que é a violencia de xénero? Definición , principais violencias machistas na mocidade con exemplos para identificalas e as consecuencias das mesmas nas mulleres.
Vídeo 2. Dereitos, obrigas e recursos. Efectos da violencia de xénero cara os dereitos das mulleres, as consecuencias de exercela, así como os recursos necesarios para facerlle fronte desde diferentes posicións.
Vídeo 3. Afrontamento e prevención. Cales son as bases que sustentan as violencias machistas e as claves sobre as actitudes e comportamentos que podemos adoptar para atallalas dende a raíz.
Recursos dispoñibles na web defronte.gal a partir do 15 de novembro
'Scape Room'. Actividade para seguir traballando co contido do visual thinking de xeito colaborativo. O xogo formúlase para que poidan participar varios grupos ao mesmo tempo e no mesmo espazo. Tanto o material como as normas do xogo responden a criterios de accesibilidade, igualdade, cooperación e sensibilidade cara a violencia de xénero.
Os grupos deben resolver un enigma arredor dunha situación de violencia machista a través de diferentes pistas espalladas polo espazo onde haberá que aplicar a lóxica, a rapidez e o traballo en equipo. Para a resolución do enigma contarase coa información recollida nos visual thinking, de xeito que se reforcen as ideas máis importantes e se tome consciencia de que a solución, dado que é unha problemática social, debe ser abordada por todas e por todos.
Recurso dispoñible na web defronte.gal a partir do 15 de novembro
'Martiña soñadora'. Espectáculo musical para público infantil dispoñible na web defronte.gal entre os días 22 e 29 de novembro. Sabela King á voz e ao ukelele e Carlos Gil ao piano interpretan composicións de produción propia que achegan á rapazada ritmos brasileiros, blues ou rock&roll ao tempo que nos falan de relacións afectivas sas, de igualdade ou da importancia de rachar cos estereotipos sexistas desde a expresión musical.
Lectura textos poéticos. Acto colectivo de lectura de textos poéticos relacionados coa temática, o día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.