Goretti Sanmartín mantén viva a loita pola recuperación de Meirás
Oitenta anos despois, centos de persoas romperon no Teatro Colón unha copia do documento para reivindicar a titularidade pública do pazo na gala "Meirás, por un pazo público", organizada pola Deputación da Coruña.
O 5 de decembro de 1938, Francisco Franco, en calidade de Xefe do Estado, aceptaba a doazón do Pazo de Meirás. A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña explicou no acto a repercusión histórica da conmemoración, clave no proceso xudicial de recuperación do Pazo de Meirás ."O 5 de decembro Franco aceptou unha doazón, saída dun espolio, en calidade de Xefe do Estado o que significa que no ano 1941 non podía haber unha compra porque xa estaba doado co cal o que se estaba a facer era unha simulación de contrato para que parecera unha venda privada", dixo na súa intervención na gala en que a sátira e o humor crítico foron os protagonistas.
A gala rematou cando, desde o escenario, se convidou ao público asistente a romper o documento de doazón que atoparan nos seus asentos, unha copia do pergameo que certifica que Francisco Franco recibiu o pazo en 1938 como doazón en calidade de Xefe do Estado e o que probaría, polo tanto, que a operación de compra-venda posterior é falsa. A ruptura do documento significaba a negación do espolio previo e o acto conxunto de reclamación da condición de ben público do Pazo de Meirás.
Desde comezos de ano, o Goberno do Estado dispón de dúas propostas para iniciar unha demanda contra a familia Franco para conseguir a devolución do Pazo de Meirás. A iniciativa da Deputación da Coruña, a impulso de Goretti Sanmartín, refrendada no pleno da corporación, e a iniciativa do Parlamento de Galiza, xestada nunha comisión específica, ofrecen dúas vías legais para a recuperación. Mais o Executivo socialista segue demorando calquera decisión e mesmo a anunciada retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos aínda non se levou adiante. En Galiza, é Goretti Sanmartín, a vicepresidenta da Deputación, quen segue mantendo viva a loita no plano institucional.