"Galiza ten que ser Noruega"

Presidente comité Alcoa
Juan López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa.

A Deputación da Coruña reclama a continuidade da actividade industrial en Alcoa e o mantemento dos postos de traballo.

"Galiza ten que ser Noruega"

O pleno acordou hoxe instar á Xunta e ao Goberno do Estado para “conformar unha fronte institucional común” en defensa do emprego e apoia as reivindicacións dos traballadores. O presidente do comité de empresa falou ante o pleno da Deputación para defender o “carácter estratéxico” do sector do aluminio e a competitividade da planta coruñesa. Foi un pleno na que todos os grupos pediron unha resposta seria e contundente por parte da Unión Europea. 

 

Xosé Regueira, polo BNG, destacou a coincidencia do discurso das nacionalistas coa intervención do presidente do Comité de Empresa de Alcoa que "veu dicir que Galiza tiña que ser Noruega e, se non, cando menos Euskadi, que conta cunha tarifa eléctrica propia para beneficiar o tecido empresarial e axudar a manter o emprego. Non podemos esquecer que somos exportadores de enerxía así que, cando menos, temos que ter dereito a producir no ámbito industrial". Regueira incidiu no argumento do BNG: a tarifa propia tamén supón a consideración da electricidade como un "ben de interese social".

 

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa, defendeu os dereitos do cadro de persoal de Alcoa e esixiu que a planta se manteña aberta. Anunciou a folla de ruta que manterán nas súas reclamacións: que se retire o ERE e  iniciar un proceso de venda transparente e coherente. “Un periodo que estimamos de dezaoito meses para vender as plantas e no que ten que haber vontade  da administración estatal, dos ministerios implicados, da Xunta de Galicia e o goberno de Asturias e dos comités de empresa, dos traballadores que somos os que mellor coñecemos a situación das plantas”, afirmou. López Corbacho agradeceu o apoio da corporación provincial e subliñou “o carácter estratéxico” do sector do aluminio “que cada vez se aplica en máis campos” como a automoción, o naval ou sector aeronaútico. Asemade, defendeu a competitividade da planta coruñesa “cunha calidade envexada por outros centros de España e Europa e múltiples recoñecementos internacionais”.
 

"Galiza ten que ser Noruega"