"Sen galego, Galiza perdería a súa identidade"

Malas linguas
Goretti Sanmartín durante as xornadas.

As xornadas Malas linguas tiveron lugar este venres en Santiago de Compostela co título Lingua, infancia e mocidade. Transmisión non familiar da lingua. 
 

"Sen galego, Galiza perdería a súa identidade"

A vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, abriu as xornadas destacando que, neste contexto social e político de "ofensiva cara o galego" cómpre "artellar políticas propias dun Estado que busca protexer e fomentar as linguas dos seus territorios" para que "o conxunto da poboación teña a posibilidade de saber e ter unha referencia das linguas, se non, é imposible que se respecten e se falen".

 

O profesor e activista Séchu Sende, das Escolas Sementes, falou en primeiro lugar explicando polo miúdo o modelo de inmersión lingüística do proxecto, "o único que pode acadar máis galegofalantes" entre os escolares.

 

Na primeira das mesas de debate da xornada, sobre as actitudes e percepcións sobre a lingua na mocidade, participou a profesora da Universidade de Deusto, Estibaliz Amorrortu; o profesor e investigador Miguel R. Carnota, e a profesora da Universidade de Heriot-Watt, Bernadette O'Rourke. Amorrortu amosou os paralelismos entre os falantes de euskera e os galegofalantes, facendo fincapé na necesidade que de os escolares "tomen conciencia" e decidan empregar unha lingua das consideradas minoritarias. Carnota, pola súa banda, compartiu a realidade do instituto onde exerce coma profesor logo de facer unha investigación sobre o proceso transformador das aulas na fala que "estigmatiza" o galego: "os mozos que chegaban galegofalantes saían aos tres meses falando castelán".

 

O'Rourke, investigadora escocesa que leva estudando o galego desde o ano 2000, presentou un dos seus estudos o cal, partindo da premisa de que un 87 % dos informantes consideraba que "sen galego, Galiza perdería a súa identidade e a súa cultura propia", afondaba nas eivas que atopaba o idioma para transformar esas actitudes positivas nun porcentaxe maior de falantes.

 

Experiencias con nome propio

A profesora de Lingua Galega e Literatura, Pilar Ponte, afondou no seu proxecto 21 días co galego que puxo en práctica na Pobra do Caramiñal. Unha iniciativa que convida ao seu alumnado a pasar tres semanas falando galego con obxectivo de "ampliar o tempo e o contexto de uso do galego, ademais de reflexionar e analizar as dificultades que atoparon". Por último, pechou as xornadas a mesa Experiencias inspiradoras, que contou coa participación do presidente da Federación de Ikastolas-Ikastolem Elkartea, Koldo Tellitu; a presidenta da ANPA do CEIP Paraixal de Vigo, Rute Palhares, e o filólogo e escritor Paco Esteve i Beneito. Mentres o primeiro repasou a historia das escolas vascas e os diversos proxectos que teñen en marcha para que a normalización continúe avanzando -como unha editorial propia de libros de textos e materiais escolares-, Palhares contou en primeira persoa a súa experiencia como nai nunha escola pública de Vigo que está inmersa nunha transformación xirando nos eixos da lingua, a ecoloxía e o feminismo.

 

Pola súa banda, Esteve i Beneito, degrañou o panorama lingüístico das Illas Baleares nun contexto no que o exceso de turismo creou realidades moi hostís para o catalán en diversas zonas. O filólogo pensa que a fórmula máxica é a transversalidade, cómpre falar no mesmo código que a xente moza, creando contidos nas redes sociais ou nos videoxogos.

"Sen galego, Galiza perdería a súa identidade"