A escena galega no palco do Colón

Cranios Privelexiados
Os procesos de creación nas artes escénicas na Galiza do século XXI, a debate.

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado, 9 de xuño, a xornada 'A escena galega no palco do Colón: Os procesos de creación nas artes escénicas na Galiza do século XXI'.

A escena galega no palco do Colón

O Teatro Colón converterase este sábado nun espazo de debate e análise da realidade das artes escénicas en Galiza. A iniciativa "será unha oportunidade de grande relevancia polas persoas convidadas e pola pluralidade de propostas que se darán cita, xuntando persoas de distintas xeracións, estéticas e disciplinas", segundo destaca Goretti Sanmartín, responsábel da área de Cultura da Deputación, que organiza o evento.

 

A xornada botará a andar cun primeiro bloque dedicado á reflexión e o intercambio de coñecemento entre profesionais da dirección, da interpretación, da coreografía, e outras disciplinas do mundo a creación escénica. A conversa Os procesos creativos na ensinanza das artes escénicas, consitirá nunha charla en que os directores Carlos Neira, Daniel Salgado e Carlos Sante partillarán baixo a moderación da tamén directora de escena, Irene Moreira.

 

De seguido, o iluminador e deseñador de espazos escénicos, Baltasar Patiño, e a escenógrafa, Laura Iturralde, serán entrevistados polo dramaturgo, Afonso Becerra, quen se encargará de dirixir o diálogo A creación de espazos sonoros e visuais como ferramenta dramatúrxica en que se afondará sobre o carácter fundamental da linguaxe visual na posta en escena.En terceiro lugar, a actriz Areta Bolado, e o director Xulio Lago, manterán unha conversa sobre as diferentes Narrativas escénicas, en que confrontarán dúas formas de comprender a contrucción do relato escénico contemporáneo.

 

Xa en horario de tarde, unha mesa redonda integrada por persoas profesionais da interpretación abordarán a función creativa que deben desenvolver os actores e actrices nos procesos de creación escénica. Unha cuestión que se atopa en continúo cuestionamento e redefinición na actualidade, e que será a grande protagonista da conversa que manterán a actriz, Patricia Lorenzo, o titiriteiro, Eduardo Alberto Rodríguez ‘Tatan’, a coreógrafa e actriz, Olga Comeselle e o actor, Pablo Reboleiro, coa moderación da dramaturga, Esther Carrodeguas.

 

Como peche deste bloque inicial de debate, as persoas profesionais da dramaturxías, Tito Asorei, Gena Baamonde, Quico Cadaval e Ruth Balbís, conversarán sobre os diferentes xeitos de tecer a estrutura dramatúrxica dunha peza e se está debe partir dos materiais textuais, do deseño do movemento escenicó, ou da mestura de mabas formas.

 

Un espazo de exhibición

Tras analizar e compartir as experiencias dos creadores/as das diferentes disciplinas escenográficas, o segundo segmento da xornada A escena galega no palco do Colón deixará paso a un espazo de exhibición en que catro compañías teatrais presentarán o público un adianto dos seus derradeiros espectáculos en espazos non convencionais –para a interpretación- do Teatro Colón. Nomeadamente, as compañías de teatro Elefante Elegante, Caramuxo Teatro, Prácido Domingo e a Asociación cultural Manicómicos exhibirán os seus traballos máis recentes.

A escena galega no palco do Colón