O Deputado do BNG, Xosé Luis Penas, convoca reunión da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás
A reunión, para analizar a situación actual e as propostas de futuro, terá lugar este venres ás 11 horas na sede da institución
A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás volverá reunirse este venres na Deputación da Coruña co fin de analizar a situación despois da sentenza que obriga á familia Franco a devolver o inmóbel e facer propostas de cara os futuros usos do edificio e os terreos que o rodean. Institucións e entidades foron xa convocadas co fin de retomar os traballos diante da nova etapa que se abre despois da resolución xudicial.
Representantes dos concellos de Sada e A Coruña, da Real Academia Galega, das Universidades e das entidades pola recuperación da memoria histórica foron xa convocadas polo deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, co fin de manter unha nova reunión da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para analizar a situación actual e as propostas de futuro. Na reunión participará tamén o deputado do goberno, Bernardo Fernández. Ademais, foron tamén convocados investigadores de especial relevancia na historia da recuperación do inmóbel como Carlos Babío ou os directores dos informes histórico e xurídico encargados pola Deputación da Coruña, que foron fundamentais no proceso xudicial.
"Desde a última xuntanza a situación mudou radicalmente coa sentenza que obriga á familia Franco a devolver o Pazo de Meirás e, polo tanto, é necesario que a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás se volva activar non só para valorar a situación senón tamén para participar nun novo proceso que se abre que é o dos novos usos do inmóbel de cara o futuro, coa recuperación como ben público", apunta o deputado Xosé Luís Penas.
A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás foi creada na Deputación da Coruña en 2017 como resposta á Xunta pro Pazo de Meirás que tivera como fin ser a ferramenta para o espolio que puxo nas mans do ditador a propiedade. Co mesmo modelo e coa participación das institucións que foran protagonistas daquel momento histórico máis as entidades de recuperación da memoria, a Deputación da Coruña impulsou a creación Xunta pro Devolución que tivo un papel fundamental á hora de reclamar a propiedade pública do Pazo e poñer sobre a mesa os dous informes que serían cruciais para abrir o camiño xudicial para poñer fin ao espolio. En concreto, o informe xurídico dirixido por Xabier Ferreira puxo o foco no "contrato simulado" que sería o argumento principal do xuízo que rematou coa sentenza histórica que retiraba a propiedade aos herdeiros do ditador.
"A Xunta pro Devolución tivo un papel fundamental en todo este proceso e queremos que agora sexa tamén unha plataforma de participación nesta nova etapa xa que, pola súa propia formación, implica a axentes de especial relevancia na historia do Pazo de Meirás", explica Xosé Luís Penas.
A idea é que nesta primeira reunión se tomen decisións como a continuidade do traballo da Xunta tras a sentenza ou a elaboración dunha proposta de usos para o futuro do edificio e os terreos adxacentes. "Temos dous horizontes, un máis inmediato e urxentes que consiste en reclamar que as visitas guiadas que son obrigadas como BIC recollan xa a historia recente da recuperación como ben público e que se elimine ese papel que estaba a desenvolver de templo do franquismo, de destino de franquistas trasnoitados que se atopaban cun museo dos horrores de lembranza e honor do ditador", sinala o deputado de Contratación e Patrimonio sobre un dos puntos que recolle a convocatoria.
Por outra parte, na orde do día contémplase tamén abordar os futuros usos do Pazo cando a devolución se materialice e, neste sentido, Xosé Luís Penas apunta a que, "non hai dúbida de que esta ten que ser unha decisión colectiva, que incorpore o sentir social e, de maneira especial, de quen loitou durante tanto tempo por poñer fin a un espolio que era xa símbolo da ditadura e, tamén por iso, a Xunta pro Devolución parécenos unha plataforma acaída para abrir o debate e elaborar unha proposta para o futuro de Meirás.