A CAMPAÑA "DE FRONTE" PAROU EN RIANXO CUNHA PALESTRA SOBRE A VIOLENCIA EN MULLERES MAIORES

María Muíño lembra que "non se pode calar ante a vulnerabilidade de quen sofre violencia machista nun país no que o envellecemento poboacional é moi alto"

#DeFronte en Rianxo
María Muíño, durante a súa intervención en Rianxo

"Hai estudos que demostran que un dos grupos máis vulnerábeis entre as vítimas de violencia machista é o das mulleres de máis idade e isto non é algo que poidamos calar", asegurou a deputada provincial de Igualdade. "Cómpre", engdiu, "poñer os datos enriba da mesa, visibilizar esta situación e sobre todo adoptar medidas e iso é o que se pretende con esta palestra que agardo sexa un espazo de reflexión e de formación".

María Muíño lembra que "non se pode calar ante a vulnerabilidade de quen sofre violencia machista nun país no que o envellecemento poboacional é moi alto"

A campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña "De Fronte" contra a violencia machista chegou onte ao Auditorio Municipal de Rianxo coa palestra na que se abordou o tema "Violencias de xénero en mulleres maiores". As intervencións correron a cargo de Elena Molanes, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, e Lara Fuentes, técnica de FADEMUR-GALICIA, quen foron presentadas por María Muíño.

"Hai estudos que demostran que un dos grupos máis vulnerábeis entre as vítimas de violencia machista é o das mulleres de máis idade e isto non é algo que poidamos calar" asegurou Muíño, quen lembrou que "vivimos nun país cun envellecemento poboacional moi alto e cunha poboación moi dispersa, despoboamento do rural e problemas importantes de transporte, e que, segundo a diagnose de Igualdade da Deputación, hai unha crecente feminización do envellecemento, con rendas e pensión moito máis baixas". Estas circunstancias incrementan, segundo explicou, "a vulnerabilidade deste amplísimo sector da nosa poboación, polo que cómpre poñer os datos enriba da mesa, visibilizar esta situación e sobre todo adoptar medidas e iso é o que se pretende con esta palestra que agardo sexa un espazo de reflexión e de formación".

A campaña DE FRONTE conta coa adhesión de 88 concellos e preto de 60 entidades da provincia que difunden a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade. De feito, a seguinte palestra terá lugar o xoves 18 en Muxía coa palestra "A importancia do traballo en rede na loita contra a violenica de xénero a nivel local", a cargo de Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee; Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume, e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía.

Muíño volveu incidir en que o obxectivo da campaña é contribuír a poñerlle freo á violencia machista e crear un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio. Así, a partires do 15 de novembro, na web defronte.gal estarán dispoñibles os recursos para as actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, entre os días 22 e 29 de novembro poderase ver o espectáculo musical para público infantil "Martiña soñadora".

O programa completarase co acto colectivo de lectura de textos poéticos, o 25 de novembro, ás 12 horas, no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña, no que particparán as poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

María Muíño lembra que "non se pode calar ante a vulnerabilidade de quen sofre violencia machista nun país no que o envellecemento poboacional é moi alto"