O IMPORTE MÁXIMO POR BENEFICIARIO É DE 15 000 EUROS

A Deputación investirá 550 000 euros en 2022 para subvencionar os servizos de normalización lingüística

María Muíño, cos directivos da MNL Celia Armas e Marcos Maceiras (arquivo)
María Muíño, cos directivos da MNL Celia Armas e Marcos Maceiras (arquivo)
"Os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, poden cumprir un papel esencial á hora de promover o uso do galego. Neste sentido, a Deputación da Coruña quere manter o apoio á creación dos servizos de normalización lingüística que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizador", apunta a responsable provincial da área de Normalización Lingüística, María Muíño.
A Deputación investirá 550 000 euros en 2022 para subvencionar os servizos de normalización lingüística

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións da Deputación da Coruña dirixida aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística de 2022. A Deputación investirá un total de 550 000 euros, dos que cada beneficiario poderá recibir un importe máximo de 15 000.

"Os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, poden cumprir un papel esencial á hora de promover o uso do galego. Neste sentido, a Deputación da Coruña quere manter a axuda á creación dos servizos de normalización lingüística que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizador", apunta a responsable da área de Normalización Lingüística, María Muíño.  

Poderán participar todos os concellos da provincia de 5.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima de residentes. En 2021, un total de 46 concellos contaron con persoal técnico especializado para a promoción do galego a través da liña de axudas da institución provincial.

Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están asesorar a administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua. O servizos teñen tamén funcións de formación entre as que se atopan planificación, coordinación e realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor do galego. Os obxectivos inclúen, ademais, contribuír á mellora da calidade lingüística e comunicativa da administración ou resolver dúbidas e normalizar a imaxe da institución con respecto á lingua.

Coa finalidade de fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes incorporarase o principio de transversalidade de xénero na actividade subvencionada. Esa transversalidade de xénero supón a aplicación do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de tal xeito que se planifiquen as actuacións tendo en conta as desigualdades existentes e se identifiquen e avalíen os resultados producidos para o avance na igualdade real.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL) nun prazo de vinte días naturais que comeza hoxe.

As bases poden consultarse e descargarse na seguinte ligazón:
bit.ly/3ewdIr8

A Deputación investirá 550 000 euros en 2022 para subvencionar os servizos de normalización lingüística