O 3 DE XANEIRO CELEBRARASE UN ACTO NO QUE SE AGASALLARÁ Á BISNETA DO INTELECTUAL CORUÑÉS
As áreas de Patrimonio e de Normalización Lingüística da Deputación homenaxean a Francisco Tettamancy
Logo de cumprirse 175 anos da revolta galeguista de 1846, a Deputación da Coruña programa unha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor tanto a figura como a obra de Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854-1921), destacado intelectual coruñés e membro fundador da Real Academia Galega. Desde as áreas provinciais de Normalización Lingüística e de Patrimonio estase a traballar en diversas iniciativas dirixidas tanto a público xeral como a docentes e alumnos. “Neste caso, trátase de axudar a esclarecer a figura dun personaxe destacado da nosa historia, que consideramos que non é tan coñecido como debería, así como o legado que nos deixou sobre o tempo que lle tocou vivir”, asegura o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas.
A primeira das actividades terá lugar o luns da vindeira semana, o 3 de xaneiro de 2022, no Salón de Plenos da Deputación ás 11h. A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, encabezarán un acto institucional no que lle farán entrega dun recoñecemento á bisneta de Francisco Tettamancy, Charo Varela.
Ao longo do ano, este programa completarase coa edición dun pequeno vídeo sobre a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy Gastón e co deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846. Tamén se organizará un concurso de murais dirixido a alumnado de secundaria a vida, obra e contexto histórico de Francisco Tettamancy, e a publicación da súa obra ‘A revolución galega de 1846’ traducida ao galego. Neste sentido, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño pon o foco “na importancia de recuperar, mediante a reedición, documentos de gran valor histórico e literario e poñelos a disposición da cidadanía para dar a coñecer e profundizar en períodos fundamentais da nosa historia como pobo”.
Entre produción literaria de Francisco Tettamancy cabe salientar a obra dedicada ao levantamento, de carácter galeguista e progresista, do coronel Solís —contra o entón presidente Ramón María Narváez—, que rematou coa execución dos militares sublevados en Carral e que historicamente se coñece como os ‘Mártires de Carral’.