Xohana Torres e o único mito universal galego

Goretti Sanmartín e Xosé Puga na presentación de «Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos» hoxe en Compostela
Goretti Sanmartín e Xosé Puga na presentación de «Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos» hoxe en Compostela

A obra sobre San Andrés de Teixido gañara en 1972 o Premio de Etnografía Federico Maciñeira e a edición era un dos desexos da autora.

Xohana Torres e o único mito universal galego

“O libro é unha alfaia e con esta edición queremos facer unha homenaxe e un acto de desagravio por non ter sido publicado no seu momento este volume que recibiu hai corenta e seis anos un premio da Deputación da Coruña”, explicou Goretti Sanmartín que destacou a coidada edición de Engaiolarte con fotos de Xulio Xil, na presentación esta mañá en Compostela xunto ao editor, Xosé Puga.

 

En 1972 a escritora Xohana Torres gañou o Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña coa obra “Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos”. Inexplicablemente,  nunca chegou a se converter en libro até que, case cincuenta anos despois, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a editorial Engaiolarte fan realidade un dos soños da escritora que revisou a edición até o último momento.

 

O editor destacou que nas continuas visitas –cando menos dúas á semana nos últimos anos- Xohana Torres insistía na defensa de que o de San Andrés de Teixido era o “único mito universal galego” e lembrou xornadas de traballo en que a escritora revisou o texto, fixo emendas e mesmo creou un poema para o volume en que relaciona o santo de Cedeira coa Virxe de Chamorro de Ferrol.

 

“Viviu este libro e emocionouse coa súa edición e mesmo lle caían as bágoas cando miraba a maqueta xa que tiña unha espiña cravada que por fin puido quitar”, engadiu Xosé Puga que reparou tamén no gusto da autora polos “sanandreses”, as figuras de miolo de pan das que está peneirado este libro que é o primeiro publicado despois da morte da autora.

 

O lugar onde se desenvolveu o acto de presentación, a Fundación Granell, foi escollido tamén pola súa relación coa biografía da autora xa que foi nese edificio situado na zona histórica de Santiago, onde no ano 1957 se desenvolveu un histórico acto sobre a nova poesía galega no que Xohana Torres sería a única muller nun acontecemento no que, segundo crónica de Franco Grande que citou Goretti Sanmartín, “destacou pola súa brillantez e por entusiasmar coa súa participación nun tempo en que se querían abrir tempos novos en anos escuros”.

Xohana Torres e o único mito universal galego