A Deputación edita o catálogo da mostra que homenaxea os 100 anos da bandeira galega
A mostra que recolle o fito do aniversario dos 100 anos da primeira vez na historia en que a bandeira galega ondeou nun edificio institucional -concretamente no Palacio municipal da Coruña-, xa conta con catálogo. Foi editado pola Deputación da Coruña, a través do servizo da imprenta provincial, e o primeiro exemplar foi presentado esta mañá ante o alumnado do Ciclo Superior de Deseño Gráfico do IES Rosalía Mera.
Na presentación participou a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, persoal técnico da imprenta provincial, José Tojo, César Dopico e Víctor Carro, o comisario da mostra, Manuel Cráneo, e o ilustrador e ex-alumno do IES Rosalía Mera, Luis Sendón. Durante a súa intervención, María Muíño aproveitou para poñer en valor "a calidade das e dos profesionais que se dedican á ilustración na cidade da Coruña, que dan mostra da boa saúde da que goza a ilustración a día de hoxe na nosa contorna", ao tempo que salientou "a importancia de coñecer todo o proceso que conlevou esta mostra, desde as primeiras investigacións sobre o izado da bandeira ata o resultado final da exposición que recolle este catálogo, que ademais deita luz sobre unha parte da nosa historia que resulta descoñecida para unha gran parte da sociedade". Pola súa banda, Manuel Cráneo e Luis Sendón explicáronlle ao alumnado todo o proceso de investigación, organización e creación dos distintos materiais que deron lugar á exposición final.
Convén lembrar que a mostra "1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña" está percorrendo a provincia da man da área de Normalización Lingüística da Deputación. Tras pasar xa por Sada, por Santiago de Compostela e por Ribeira, hoxe abre as súas portas en Carballo e rematará a itinerancia en San Sadurniño.
A mostra está comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro que, a través de diversos documentos históricos e co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán, crearon un cómic que ilustra o nacemento e evolución da bandeira galega e que foi debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. A exposición tamén inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica que, en coxunto, ofrecen unha versión particular e persoal da bandeira galega en diversos contextos. Participan coas súas ilustracións Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.