NORMALIZACIÓN-LINGÜÍSTICA
A área de normalización lingüística da Deputación da Coruña convoca as xornadas en liña "Malas Linguas" de análise sociolingüística
Nesta ocasión, adaptadas á situación sanitaria, as xornadas decorrerán de forma virtual, coa participación de especialistas que centrarán a súa intervención na análise sociolingüística para tentar facer unha aproximación na actualidade ao desafío da normalización do galego.
A deputada de Normalización Lingüística e concelleira de San Sadurniño, María Muíño, salientou a importancia deste espazo de reflexión e debate para "atender e analizar a situación lingüística do país, atender os dereitos lingüísticos das falantes de galego e poder intervir de forma eficaz para conservar a riqueza que o idioma propio supón".
Por outra parte, Andrea Rico, coordinadora do proxecto, destacou a capacidade de "adaptar esta proposta á situación sanitaria, para que os proxectos culturais e sociais non fiquen paralizados", e por outra parte, tamén puxo o foco nas persoas relatoras: "Estamos moi orgullosas de contar con algunhas das investigadoras máis recoñecidas traballando hoxe en sociolingüística a nivel estatal", destacou.
O principal obxectivo de Malas Linguas é renovar o argumentario para as políticas públicas de normalización lingüística, en base a tres eixes: manter espazos de reflexión, dar ideas prácticas e fomentar o traballo en rede.
A actividade é aberta e gratuíta os días 10 e 12 de novembro mais as prazas para estar no encontro ao vivo no zoom son limitadas. Para inscricións cómpre anotarse nesta ligazón: https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas. Posteriormente, as xornadas serán subidas á canle de youtube da Deputación da Coruña.
No martes, día 10, a xornada tratará as Boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado (17h-18:30) con Paula Kasares, Isaac Lourido e Xian Naia e no xoves, día 12, analizarase o tema da Revitalización lingüísticas en linguas ameazadas (17:15 - 18:30) con Mónica Barrieras e Itziar Idiázabal rematando tamén con debate.
SOBRE AS PERSOAS RELATORAS
Paula Kasares é doutora en Sociolingüística, con estudos de grao e posgrao en Filoloxía Vasca e Antropoloxía Social e Cultural. A súa tese de doutoramento tratou a continuidade xeracional do éuscaro e a socialización lingüística nas familias vascofalantes. É a directora do Servizo de Planificación e Promoción do Euskera de Euskarabidea – Instituto Navarro do Euskera do Goberno de Navarra.
Isaac Lourido é profesor e investigador na UDC, licenciado en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galega e doutor na área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Foi lector do Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa. Participou en diferentes proxectos culturais como Estaleiro Editora e na actualidade fai parte do consello de redacción do xornal Novas da Galiza.
Xián Naia é graduado en Lingua e Literatura Galegas, cun mestrado en profesorado e outro en Literatura, Cultura e Diversidade. Traballou como bolseiro no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Obtivo unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña en 2019, na "Área de planificación sociolingüística". Na actualidade investiga de forma independente as posibilidades da regueifa para a normalización lingüística.
Mónica Barrieras é licenciada en Filoloxía Románica e doutora en Lingüística, exerce como profesora na Facultade de Educación da Universidade de Barcelona e é membro do Grup d'Estudi de Llengües Amenaçades (GELA). Na súa liña principal de investigación traballa sobre a diversidade lingüística e o multilingüismo.
Itziar Idiazábal é catedrática de Filoloxía Vasca e doutora pola Universidade de Xenebra na área da Psicolingüística. No grupo de investigación ELEBILAB dirixiu numerosos proxectos de investigación sobre adquisición da linguaxe en crianzas bilingües, análise discursiva do éuscaro e didáctica das linguas en programas bi-multilingües que inclúen lingua minorizada. É fundadora e membro da Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial da UPV/EHU.