AS ÁREAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E CULTURA ACOMPAÑARÁN ATA AS PORTAS DO 17 DE MAIO UN SECTOR ESTRATÉXICO DENDE O PUNTO DE VISTA CULTURAL E ECONÓMICO

A Deputación da Coruña contribúe á promoción do libro galego coa presentación dunha nova edición de #Librosparasermoslibres

María Muíño e Xurxo Couto.BNG
María Muíño e Xurxo Couto.BNG

#Librosparasermoslibres difundirá a través da rede contidos relacionados co mundo editorial dirixidos a fomentar a lectura na nosa lingua

O proxecto sorteará 'Bonos-libros' que as persoas internautas poderán utilizar en calquera libraría da provincia da Coruña que elixan

A Deputación da Coruña contribúe á promoción do libro galego coa presentación dunha nova edición de #Librosparasermoslibres

A Deputación da Coruña, a través das Áreas de Normalización Lingüística e Cultura, botará a andar esta fin de semana a segunda edición da campaña #Librosparasermoslibres. A iniciativa, que se estenderá ata as portas do Día das Letras Galegas, quere mostrar o firme compromiso co mundo do libro galego. Ademais, colaboran tamén coa Federación de Librarías de Galiza nas Feiras do Libro do territorio da Coruña que inician unha nova edición este venres coa inauguración en Ferrol.

A campaña #librosparasermoslibres, que se desenvolverá a través das redes sociais, aproveitará para reivindicar a figura de Xela Arias, autora homenaxeada este 17 de maio, pero fará especial fincapé no fomento da lectura e da importancia que ten á hora de formar ás novas xeracións e na transmisión lingüística.

#LibrosparaSermosLibres2021 ponse ao lado de todas as persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun forte peso simbólico e económico, historicamente clave no proceso de normalización lingüística.

Desde a área de Normalización Lingüística, a deputada María Muíño destacou que "co apoio ao libro galego estamos a afortalar unha ferramenta central na transmisión da lingua ademais de contribuír a un sector en que participan profesionais da creación tanto literaria como artística, da edición, da maquetación, da tradución ou da investigación, ademais das propias librarías ou os medios de comunicación".

Con esta iniciativa, as áreas de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña, queren contribuír á visibilización do sector do libro galego, en especial, nun momento en que a crise provocada pola pandemia deixou tamén a súa pegada en todos os ámbitos do mundo da cultura.

Ao igual que acontecera na primeira edición, a campaña recollerá en vídeo mensaxes de apoio de caras recoñecibles ao mundo do libro galego. Tamén se fará referencia aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua: Premio Castelao de Banda Deseñada, Premio Torrente Ballester de Narrativa, Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, Premio Manuel Murguía de Ensaio ou o Premio Miguel González Garcés de Poesía.

"Así como os premios da Deputación da Coruña queren promocionar a creación literaria queremos, con esta iniciativa, difundir as obras e achegar lectores e lectoras a nosa literatura", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Concurso #fiestrasabertas e 'bonos-libros'

As persoas internautas volverán ser protagonistas principais desta campaña desta campaña que o ano anterior se desenvolveu con gran éxito de seguimento e participación. '#Librosparasermoslibres' convidará a enviar fotos ou microvídeos (cun máximo dun minuto). As persoas participantes recomendarán así un libro en lingua galega e etiquetaranos cos cancelos #fiestrasabertas e #Librosparasermoslibres'. Entre todas as persoas participantes sortearanse 21 'bonos-libros' de 100 euros que as persoas gañadoras poderán empregar en calquera libraría da provincia da Coruña. Cómpre salientar que, como medida simbólica de apoio a este sector, o importe total destes bonos increméntase un 40% con respecto á primeira edición.

A Deputación da Coruña contribúe á promoción do libro galego coa presentación dunha nova edición de #Librosparasermoslibres