A Deputación da Coruña e AGALURE lanzan a campaña ‘Non xogues co xogo. Aposta pola vida’ para loitar contra a ludopatía na mocidade
Os protagonistas do vídeo, que se difunde desde hoxe nas redes sociais, son Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias e Verto.
A Deputación ten en marcha, tamén en colaboración con AGALURE, un programa de prevención da ludopatía nos centros educativos da provincia
A Deputación da Coruña e AGALURE, entidade de referencia na provincia na prevención e tratamento da adicción ao xogo, inician hoxe a campaña 'Non xogues co xogo. Aposta pola vida' co obxectivo de loitar contra a adicción ao xogo na mocidade.
Os protagonistas desta iniciativa son artistas coñecidos e coñecidas por todos. Xosé Antonio Touriñán, María Mera, David Perdomo, Eva Iglesias e o dúo Verto diríxense aos rapaces e rapazas da provincia para "dicir o que outros non che contan" e alertalos de que "as apostas deportivas non son un xogo" recordando que "cada vez son máis os casos de ludopatía entre a mocidade" e que "cando un xogo provoca adicción deixa de ser un xogo" porque "cando apostas estás xogando coa túa vida e tamén coa das persoas do teu entorno".
O vídeo desta campaña, coa que se pretende concienciar á mocidade dos problemas de adicción que carrean as apostas e os xogos de azar desde as idades máis temperás, difundirase nas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) da Deputación da Coruña e tamén nas de AGALURE para chegar directamente ao público obxectivo desta acción a través das canles de comunicación que máis empregan.
Segundo os informes de AGALAURE, mentres que a adición ás máquinas tragamoedas descendeu nos últimos anos, as apostas deportivas e o xogo en liña experimentaron un notable incremento, tamén durante a pandemia. Este novo perfil de adicción ao xogo afecta a persoas con idade media cada vez menor e o tempo de latencia para adquirir a dependencia é moi inferior no xogo en liña que nas máquinas recreativas.
Programa nos centros educativos
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que a Deputación "vai empregar todos os recursos ao seu alcance na loita contra o fomento do xogo entre os adolescentes" e lembrou que o seu goberno vén de pór en marcha, coa colaboración de Agalure, un novo programa piloto de prevención da ludopatía nos centros educativos da provincia.
O programa estase desenvolvendo en 18 centros educativos de ESO das distintas comarcas coruñesas e está centrado especialmente nas apostas deportivas e o xogo en liña, que segundo os datos da entidade, é o que máis medra entre a mocidade e o principal motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos.
Ademais das accións nos centros escolares, o programa inclúe reunións cos técnicos dos concellos e orientadores dos centros de secundaria de cada unha das 18 comarcas, nos que os e as profesionais de Agalure informarán sobre as adiccións sen substancia e como estas afectan á mocidade.
O pleno da Deputación aprobou onte por unanimidade unha moción instando á Xunta de Galicia a crear unha Lei do xogo e un Observatorio do Xogo para previr a ludopatía entre a mocidade.