SOS SANIDADE PÚBLICA DEFENDE A RECUPERACIÓN DA ATENCIÓN PRESENCIAL NOS CENTROS DE SAÚDE E DENUNCIA A SUSPENSIÓN DE CONSULTAS, PROBAS DIAGNÓSTICAS E INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS E A SITUACIÓN DE PRECARIEDADE E INESTABILIDADE LABORAL NA QUE SE ATOPA O PERSOAL SANITARIO.

A Deputación apoia as reivindicacións de SOS Sanidade Pública para a recuperación da atención presencial nos centros de saúde

SOS Sanidade Pública
SOS Sanidade Pública
A Deputación apoia as reivindicacións de SOS Sanidade Pública para a recuperación da atención presencial nos centros de saúde

A Deputación da Coruña apoia á plataforma SOS Sanidade Pública nas súas reivindicacións para recuperar o sistema sanitario público galego tras a pandemia da covid-19.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comunicoulle ao portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, que o Goberno provincial levará ao pleno unha moción de apoio ás demandas da entidade, entre as que figura a recuperación da atención presencial nos centros de saúde.

A plataforma denuncia que a situación actual obrigou a suspender consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, obstaculizando a atención necesaria a outras enfermidades que non sexan a covid-19, así como a posibilidade de ofrecer unha boa atención ás persoas afectadas por esta patoloxía. Tamén fai fincapé na precariedade e inestabilidade laboral á que está sometido o persoal sanitario. A plataforma incide na necesidade de elaborar un Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia.

SOS Sanidade Pública indica no seu manifesto que a Atención Primaria galega chegou a esta situación xa moi deteriorada tras sucesivos recortes no eido sanitario, non contando cos recursos humanos, materiais e organizativos necesarios.

"Como ben me transmitía o portavoz de SOS Sanidade Pública, esta situación está a crear dificultades á hora de que a cidadanía acceda aos Centros de Saúde e ás probas diagnósticas e especialidades hospitalarias, supoñendo isto un grave problema sanitario que está a xerar un crecente malestar social e no persoal da sanidade, que cada día pon todo o seu empeño e esforzo pero que segue baixo unhas pésimas condicións", sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Desde a entidade sinalan que as dificultades para comunicarse cos centros e recibir asistencia persoal está a "favorecer que a poboación recorra ao sector privado, o que incrementa as desigualdades de saúde".

A plataforma sinalou que a Xunta aproveitou a alarma social para modificar por segunda vez a Lei galega de saúde "coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional. Recordemos que na anterior reforma da lei quitáronse catro Áreas Sanitarias".

SOS Sanidade destaca que son o SERGAS e á Consellería de Sanidade os que teñen a responsabilidade neste ámbito. "Os orzamentos da Xunta, e o financiamento que veña da Unión Europea, deben destinarse a incrementar os profesionais deste eido, darlles estabilidade e evitar a precariedade, mellorar as infraestruturas de atención sanitaria e investigación de saúde, e aumentar categorías profesionais, como psicólogos e psicólogas clínicas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedas, etc.", afirman desde a plataforma.

A Deputación apoia as reivindicacións de SOS Sanidade Pública para a recuperación da atención presencial nos centros de saúde