AS AXUDAS, DE 1.500 EUROS POR AUTÓNOMO/A OU MICROEMPRESA, SERÁN TRAMITADAS DIRECTAMENTE POLA DEPUTACIÓN E REPARTIRANSE POR ORDE DE ENTRADA DE SOLICITUDES ATA O ESGOTAMENTO DO CRÉDITO
A Deputación activa o luns 9 millóns de euros en axudas directas a hostalaría e axencias de viaxe
O prazo de presentación de solicitudes abre o luns 3 de maio ás 8.00 horas e a tramitación será telemática a través de SUBTeL
Estas subvencións súmanse aos 12,5 millóns de euros xa concedidos a través do Fondo de Financiamento para a reactivación socioeconómica de PEL-Reactiva
A Deputación da Coruña activa o luns un plan de 9 millóns de euros en axudas directas á hostalaría e as axencias de viaxes, dous dos sectores máis afectados pola pandemia. As axudas súmanse aos 12,5 millóns xa concedidos no marco do programa PEL-Reactiva, impulsado pola Deputación en colaboracións con concellos coruñeses, que apoiou a máis de 5.000 autónomos e microempresas de diferentes sectores.
O vindeiro luns, 3 de maio, ás 8.00 horas abrirase o prazo de solicitudes desta nova liña de axudas PEL-Reactiva para a hostalería e axencias de viaxes dos concellos de menos de 50.000 habitantes. A Deputación reserva outros 3 millóns de euros nos seus orzamentos para apoiar programas similares de apoio a estes sectores que impulsen as grandes cidades.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que "este novo plan de axudas conta cun orzamento de 9 millóns de euros para manter a actividade económica e o emprego en sectores fundamentais na economía da provincia e de Galicia, como o da hostalaría, que sufriron especialmente os efectos da pandemia, pois tiveron que pechar de xeito prolongado e contaron con menos oportunidades de retomar o seu traballo".
González Formoso lembrou que, segundo os datos da Conferederación Empresarial de Hostelería de España, o sector perdeu no último ano máis de 300.000 empregos, a súa facturación caeu un 85% e hai 450.000 persoas afectadas polos ERTE. As axencias de viaxe diminuíron tamén os seus ingresos nun 90%
11.000 pequenos negocios reciben o apoio da Deputación durante a crise
O Goberno provincial prevé que as axudas cheguen a 6.000 negocios de hostalaría e axencias de viaxe, co que as axudas da Deputación para paliar os efectos económicos da Covid-19 chegarán este ano a un total de 11.000 pequenos negocios e autónomos da provincia.
Esta nova liña PEL-Reactiva está dirixida ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera das epígrafes relativos a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1).
Ademais do requisito anterior, as entidades e persoas solicitantes deberán ter o seu domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña con menos de 50.000 habitantes e non ter sido beneficiarias das axudas do primeiro programa PEL-REACTIVA: Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social da Provincia da Coruña. Das 5.000 axudas outorgadas ao abeiro este programa, só 1.400 se encadraron o sectores da hostalaría e as axencias de viaxes.
As subvencións deste novo programa de terán unha contía fixa de 1.500 euros por beneficiario/a e concederanse por orde de entrada de solicitudes entre as persoas e entidades que cumpran os requisitos mencionados anteriormente. A presentación de solicitudes será telemática a través da plataforma SUBTeL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/ ) e a convocatoria permanecerá aberta desde o vindeiro luns, 3 de maio, ás 8.00 horas.
Pode atopar máis información sobre esta liña de axudas na páxina web do Plan de Emprego Local: https://pel.gal/