A Deputación achegará 1 millón de euros ás obras da cuberta e da grada de Riazor
A cantidade supón o 14% do orzamento total.
O pleno da Deputación da Coruña aprobou na sesión de hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos, ao convenio co Concello da Coruña para o financiamento das obras de reforma e conservación da cuberta e a estrutura metálica das gradas do estadio de Riazor. Segundo contempla o protocolo, a achega da Deputación ascenderá a 1 millón de euros, o que representa un 14,3% do orzamento total das obras, que ascende a preto de 7 millóns de euros.
Como contraprestacións polo apoio económico, o Concello da Coruña comprométese, durante un prazo de 10 anos, a permitir a celebración no estadio de Riazor das finais masculina e feminina da Copa Deputación de fútbol, poñer a disposición da Deputación 1.000 entradas para o Trofeo Teresa Herrera, que se distribuirán entre escolas de fútbol base e colectivos desfavorecidos, e a insertar spots ou vídeos divulgativos da Deputación e dos concellos da provincia da Coruña nos paneis electrónicos do estadio durante as previas e descansos dos partidos.
Asimesmo, o Concello da Coruña permitirá a celebración nas instalacións deportivas municipais do Campus de Fútbol que cada ano organiza a área de Deportes da Deputación.