A Deputación achega 1,5 millóns de euros para financiar as actividades da Sinfónica
Santiago de Compostela, Ferrol, Sada, Betanzos, Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo acollerán concertos da Orquesta Sinfónica de Galicia e as súas distintas agrupacións.
A Deputación da Coruña leva a música da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia cunha achega de 1,5 millóns de euros para financiar as actividades da OSG durante o 2018. Ademais da Coruña, onde ten a súa sede, as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia visitarán concellos coma Santiago de Compostela, Ferrol, Sada, Betanzos, Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da institución provincial, Goretti Sanmartín, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron hoxe o convenio co Consorcio para a Promoción de Música da Coruña. Sanmartín apuntou que o convenio contribúe á "formación de novos públicos e intérpretes entre as xeracións máis novas, con programas formativos que entroncan directamente coas nosas bolsas artísticas e facilitan a consolidación de novas traxectorias profesionais no ámbito da música clásica".
A Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizará tamén un concerto en Santiago, catro en Ferrol, un en Sada e un en Betanzos. Pola súa banda, a Orquestra Nova ten xa pechados un concerto en Ferrol e outro na Coruña. Ademais están por determinar as actuacións noutros concellos da provincia da Orquestra de Nenos e do Coro Novo e os Nenos Cantores. No referente ás datas dos Coros da OSG están por determinar e o que si está previsto son catorce actividades, entre concertos en familia e concertos extraordinarios, en diversos colexios da provincia da Coruña.