PAZO DE MEIRÁS

«Desatar o atado»

Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña
Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña.

Reproducimos o artigo que a Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, impulsora da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, publica hoxe nas páxinas de Opinión do diario La Voz de Galicia respecto do anuncio de venda do Pazo por parte da familia Franco.

«Desatar o atado»

Este ano cúmprense 80 anos dun dos maiores espolios ao pobo galego, o da entrega do pazo de Meirás como botín de guerra ao ditador Francisco Franco. O complexo procedemento para se facer coa propiedade foi ideado polas elites coruñesas que, desta maneira, pretendían gañar os favores do Caudillo. E nesa suposta doazón houbo saqueo e extorsión da poboación, recadacións obrigatorias e achegas institucionais que tiveron continuidade ao longo de décadas de traballos de mantemento, mellora e ampliación das torres de Meirás. Aos Franco non lles valía un suposto agasallo en calidade de xefe do Estado do lugar que foi residencia oficial de verán do ditador e onde se realizaron consellos de ministros e numerosos actos institucionais do réxime. Querían deixar todo atado e ben atado para manteren a propiedade transcorrido o tempo. De aí que se dera o salto do pergamiño de doazón de 1938 a un contrato de compra/venda en 1941 e que, premeditadamente, non se desligase o papel de residencia oficial do xefe do estado do de residencia particular dos Franco. 

 

Despois do intento da Fundación Franco de converter o pazo de Meirás nun templo de peregrinación do franquismo e da constitución desde a Deputación da Coruña da Xunta Pro Devolución do Pazo, en que se integran máis de 40 concellos e outras tantas entidades cívicas e colectivos a prol da recuperación da memoria histórica, o anuncio da posta en venda do Pazo por parte da familia Franco, após a morte da filla do ditador, só pode entenderse polo seu nerviosismo ao seren conscientes dos pasos firmes que estamos a dar para que Meirás sexa patrimonio público. Ese obxectivo está hoxe, coas liñas que abre o informe xurídico que encargou a Deputación da Coruña, moito máis próximo que hai uns meses e temos a certeza que a colaboración de todas as administracións será fundamental para o conseguir.

 

Andamos, pois, este camiño porque temos a obriga de restituír a dignidade e de lembrar as vítimas do período máis tráxico da nosa historia recente. Facémolo tamén porque temos que rematar con ese pacto de silencio que supuxo a transición, incapaz de levantar as lousas de invisibilidade e de desvendar os privilexios e abusos das elites ao longo dos anos. 

 

Oitenta anos é moito tempo, e por iso é xa hora de desatar o atado. Ese é o nó que estamos a desfacer, de mans dadas co tecido social e con representantes institucionais que queren converter o clamor social contra un espolio, hoxe rigorosamente estudado, nunha actuación firme e decidida que nos devolva o roubado e poña fin a tanta impunidade e desmemoria. Por xustiza. Por hixiene democrática.

 

GORETTI SANMARTÍN 
VICEPRESIDENTA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/02/26/desatar-atado/0003_201802G26P14992.htm

 

«Desatar o atado»