Concellos proactivos na posta en valor dos Camiños de Santiago
A coordinación entre todas as institucións é unha das principais condicións para a xestión dos Camiños de Santiago, segundo se conclúe na xornada que o pasado xoves organizou a Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán.
Os deputados de Facenda e Turismo, Antonio Leira e Xosé Regueira foron os encargados de explicar as diversas actuacións que se están a desenvolver desde a Deputación da Coruña en relación cos Camiños de Santiago nunha xornada que foi inaugurada polo tamén deputado Bernardo Fernández Piñeiro. A Deputación ten un proxecto de promoción e desenvolvemento turístico no que os concellos teñen que ser partícipes proactivos da súa posta en valor. Iniciativas como Primavera no Camiño Inglés xa supuxeron unha maior implicación dos concellos.
O responsable da área de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, agradeceu o "apoio e proactividade" dos concellos do Camiño para as accións da Deputación nas distintas rutas e defendeu a necesaria coordinación intermunicipal e coas demais institucións a través da conformación de mesas de coordinación para a xestión acaída dos camiños. Destacou tamén iniciativas como a elaboración dunha auditoría sobre o estado actual do Camiño Inglés, o traballo sobre a delimitación dos distintos trazados -de maneira especial o Fisterra-Muxía- e a contratación de persoal técnico cualificado nas oficinas de información turística dos concellos co fin de profesionalizar e mellorar o sector.
A xornada continuou coa participación de tres especialistas arredor de distintos aspectos dos Camiños, de maneira especial do Camiño Inglés que foi obxecto de tres das charlas, a do investigador Manolo Rodríguez, a do xornalista e divulgador Cristóbal Ramírez que falou arredor dos monumentos da ruta e a do arquitecto e director de Crecente Asociados, Mario Crecente que achegou aos participantes ao seu estado actual.
Os deputados Antonio Leira e Xosé Regueira participaron tamén o venres no II Encontro Internacional no Camiño Inglés, organizado polo Concello de Oroso.