O BNG propón que o IES Calvo Sotelo se chame 'María Miramontes'
O pleno aproba unha moción pola que instará tamén aos concellos ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica e a eliminación da simboloxía e as honras ao franquismo.
O Instituto de Ensino Secundario Calvo Sotelo deixará de levar o nome de quen foi considerado un dos responsábeis da sublevación militar do 18 de xuño de 1936 ao aprobarse no pleno da Deputación da Coruña unha moción presentada a instancia da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda -a súa presidenta, María Xosé Bravo, asistiu ao pleno- e que contou cos votos a favor de todas as forzas presentes no pleno excepto o PP que se abstivo ao considerar que non se pode aplicar a Lei da Memoria Histórica á figura de Calvo Sotelo.
A primeira parte da inicitiva da A. C. Alexandre Bóveda foi atendida. A outra, o novo nome, queda pendente. Desde o Grupo do BNG na Deputación, o deputado Xosé Regueira explicou que "unha persoa como José Calvo Sotelo, que é responsabilizado directamente polo Presidente do Consello de Ministros, o coruñés Casares Quiroga, da sublevación militar do 18 de xullo de 1936, non pode ter un recoñecemento social, nin levar o nome de ningún centro de ensino". Regueira aludiu ademais a toda a normativa en vigor e aos pronunciamentos das institución como o Parlamento galego ou a propia Deputación coruñesa a favor do cumprimento da lei de memoria histórica para xustificar a demanda.
Desde o BNG, apóise ademais a proposta do novo nome que figuraba na iniciativa da A. C. Alexandre Bóveda, pero que finalmente non fixo parte do acordo. O nome é o de María Miramontes, activista e intelectual galeguista que fixo parte das Irmandades da Fala.