A área de Igualdade e Servizos Sociais centrou na endometriose a conmemoración do día da saúde feminina
A Fundación Paideia acolleu unha xornada sobre unha enfermidade que afecta a 60.000 galegas.
A área de Igualdade da Deputación da Coruña organizou nesta tarde do venres na sede da Fundación Paideia unha xornada divulgativa sobre a enfermidade da Endometriose, co obxectivo de incrementar a súa visibilidade e contribuir a sensibilizar á sociedade sobre unha doenza que afecta a máis de 60.000 mulleres en Galiza.
Co obxectivo de dar a coñecer a Endometriose, apuntar cales poden ser os seus primeiros síntomas e aclarar todas aquelas dúbidas existentes arredor da doenza, a área de Igualdade da Deputación da Coruña desenvolveu unha xornada en que se reivindicou a necesidade de incrementar a cantidade de campañas informativas e o número de centros especializados no tratamento desta enfermidade.
No transcurso da sesión, a responsable da área de Benestar Social e Igualdadeda Deputación da Coruña, Ánxela Franco, subliñou que este tipo de encontros son imprescindíveis para dar a coñecer unha enfermidade que "en moitas ocasións pasa desapercibida até o momento no que é diagnosticada", e aproveitou a súa intervención para instar a todas as administracións públicas a "colaborar e apoiar o desenvolvemento de proxectos de investigación que contribúan a dar coa súa orixe e atopar algún tratamento global" co que combater a endometriose.