Ánxela Franco sinala a ASPADEX como exemplo de inclusión social

A deputada nacionalista e o concelleiro do BNG en Cee, Serxio Domínguez, destacan o labor desenvolvido pola entidade na Costa da Morte.
A responsábel da área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, a nacionalista Ánxela Franco, e o concelleiro do BNG en CEE, Serxio Domínguez, visitaron as instalacións que ASPADEX ten en Vilar de Toba no concello de Cee e atenderon as propostas da entidade.
Ánxela Franco destacou o "importantísimo traballo que desenvolve a entidade que ten unhas 65 persoas no centro ocupacional e atende a outras 80 no programa de respiro familiar". A deputada nacionalista salientou o traballo de ASPADEX á hora de facilitar a inclusión social "e promover unhas relacións interpersoais satisfactorias ademais de dar os apoios necesarios para a autodeterminación, promovendo a defensa dos dereitos das persoas condiscapacidade intelectual".
O proxecto, de ámbito supramunicipal, abarca os concellos de Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Mazaricos, Muxía, Dumbría, Vimianzo, Camariñas, Zas e Muros. O pasado ano contou cunha axuda da Deputación da Coruña de 26.000 euros a través da liña de subvencións a entidades de servizos sociais. ASPADEX tamén vai recibir da Deputación da Coruña nos vindeiros meses unha furgoneta de transporte adaptado financiada na súa totalidade pola Deputación despois de concorrer a unha nova liña de subvencións.