Amplíase o catálogo de espectáculos da Rede Cultural
Os concellos da provincia da Coruña poderán escoller entre 1.776 espectáculos.
Case catrocentas propostas máis é o incremento que o catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña experimenta nesta nova edición na que a oferta ascende a 1.776 espectáculos fronte aos 1.359 do pasado ano. "A cantidade de propostas presentadas mostra que a Rede Cultural é un balón de osíxeno para o sector e un motor para a contratación no ámbito artístico ademais de unha ferramenta sólida para achegar a oferta cultural a todos os públicos, en especial, aos dos concellos de menos habitantes", explica a vicepresidenta e deputada da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Escena ao vivo!, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña dirixida á programación nos concellos. Máis da metade das propostas da oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 1.076 espectáculos dos que 508 corresponden a teatro e monicreques, 513 a música e 55 a danza.
Un total de 136 son as películas que compoñen a oferta do programa Visións!. E Lingua á escena, o apartado de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos duplica nesta segunda edición de existencia o número de propostas con 25 espectáculos. Finalmente, o apartado non profesional, Alicerce, destinado á programación en concellos e entidades de compañías amadoras de música, danza e teatro ofrece un total de 529 espectáculos.